Deputación de Lugo

Contratadas hoxe as obras dos centros de maiores de Meira e Navia de Suarna con case 3 millóns

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente destacou que “comezamos o día cunha moi boa noticia, pois coa dotación destas dúas instalacións vamos a poder ofrecer aos maiores da nosa provincia outras 100 prazas de residencia e centro de día preto das súas localidades” - O Goberno da Deputación destina 1.639.000 euros para a residencia e centro de día público do Concello de Meira e 1.299.144 euros para a do Concello de Navia de Suarna

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este venres que hoxe mesmo se contrataron as obras de construción dos centros de maiores públicos da Deputación en Navia de Suarna e Meira. Fíxose con case 3 millóns de euros. Campos Conde destacou que “comezamos o día cunha moi boa noticia, pois coa dotación destas dúas instalacións vamos a poder ofrecer aos maiores da nosa provincia outras 100 prazas de residencia e centro de día preto das súas localidades”.  

O Goberno da Deputación destina 1.639.000 euros para a residencia e centro de día público do Concello de Meira e 1.299.144 euros para a do Concello de Navia de Suarna. En ambos os dous centros públicos se poderán atender a 100 maiores, pois contemplan 60 prazas nas residencias e 40 nos centros de día. 

O centro da terceira idade de Meira situarase na rúa Grupo Escolar, no casco urbano, nunha finca de 3.312 metros cadrados, dos cales 734 estarán destinados ao edificio. Segundo o proxecto, terá capacidade para atender a un máximo de 50 persoas. Contará con 30 habitacións individuais para residentes, así como 20 prazas no centro de día.

O edificio contará con tres plantas. Na baixa, situarase o vestíbulo, recepción, aseos adaptados, baños asistidos, despacho de dirección, sala de curas, rehabilitación, sala polivalente, sala de convivencia, sala de terapia, comedor, servizos de cociña, servizos de lavandería, vestiarios do persoal. Na planta 1º, o control de enfermería, baño xeriátrico e 14 habitacións con baño individual. Na 2º planta, haberá un local de apoio e 16 habitacións con baño individual.

O centro da terceira idade de Navia de Suarna situarase entre as avenidas de Galicia e Os Ancares. O edificio ocupará 452 metros cadrados. Segundo o proxecto, terá capacidade para un máximo de 50 persoas. Recolle a dotación de 24 habitacións para residentes, 18 individuais e 6 dobres. Son 30 prazas de residencia e 20 no centro de día.

O edificio contará con 3 plantas. Un baixo semi-soto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña, comedor... Na planta baixa, estará o vestíbulo, oficinas de traballo, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente, sala de usos múltiples.... Na 1ª e 2ª planta estarán as habitacións.