Deputación de Lugo

A Ribeira Sacra terá o seu festival internacional de música grazas ao apoio do Goberno da Deputación

- O Executivo Provincial achega 20.000 euros, convertendo á institución na principal patrocinadora deste evento, dentro da súa aposta polo impulso turístico da zona
- O Deputado de Turismo presentou hoxe o 17º Ribeira Sacra, o festival que terá lugar os días 28, 29 e 30 de xullo, con concertos de artistas nacionais e internacionais en lugares emblemáticos da zona e ata nas propias bodegas
- Inclúe ademais visitas guiadas, roteiros, catas de viño ou degustacións de produtos autóctonos. O Concello de Monforte facilita espazos gratuítos de acampada

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ao Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o director de i-radia Crea, Carlos Montilla, presentaron este venres no embarcadoiro de Doade o 17º Ribeira Sacra. É o 1º festival internacional de música que ten a Ribeira Sacra grazas ao apoio do Goberno da Deputación, que é o principal patrocinador deste evento con 20.000 euros dentro da súa aposta polo impulso turístico da zona. Celebrarase os días 28, 29 e 30 de xullo en espazos emblemáticos de Monforte de Lemos e Sober. O municipio monfortino achega 3.000 euros e facilita lugares gratuítos de acampanada. Tamén cede os espazos da celebración das actividades, ao igual que o Concello de Sober. Colaboran o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a Xunta.

17º Ribeira Sacra combina a música de artistas nacionais e internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola, gastronómica e económica dos establecementos da zona. E é que inclúe concertos no Miradoiro de Santiorxo, no Parador de Monforte, no embarcadoiro de Doade ou nas bodegas, entre outros; así como visitas guiadas, roteiros, catas de viño e degustacións de produtos autóctonos.  Facilítanse espazos gratuítos de acampada na cidade do Cabe.  

Vidal Baamonde subliñou que “non dubidamos en converter á Deputación na principal patrocinadora deste festival porque apostamos polas grandes e únicas potencialidades naturais, patrimoniais ou gastronómicas da Ribeira Sacra para dinamizar e impulsar o Sur lugués. Con este iniciativa queremos aproveitar as oportunidades económica que xa nos ofrece a Ribeira Sacra para xerar riqueza e facer fronte ao despoboamento demográfico. Agardamos que máis de 2.000 persoas participen no festival, descubran as marabillas da zona e dinamicen social e economicamente a nosa provincia”. 

Tomé Roca destacou que “dende o Concello de Monforte facilitamos o uso dun dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade, como é o exterior do Parador de Turismo. Un lugar máxico no que se atopa o conxunto monumental de San Vicente do Pino, formado pola Torre da Homenaxe, o Mosteiro e o pazo dos Condes de Lemos”.

Programación e entradas
Venres 28 de xullo
- Ás 16:00 horas abrirase o cámping e as billeteiras
- Ás 18:00 horas no Miradoiro de Santiorxo, terá lugar o Concerto de Néstor Pardo.

Sábado 29 de xullo
- Ás 12:00 horas no embarcadoiro de Doade actuará a artista Virginia Maestro.
- Ás 12:30 horas na bodega Rectoral de Amandi celebrarase o concerto de Ángel Stanich.
- Ás 14:00 horas nas bodegas Regina Varium, terá lugar a actuación de Os amigos dos músicos.
- Ás 16:30 horas no embarcadoiro de Doade actuará a artista Virginia Maestro.
- Ás 17:00 horas na bodega Adega Algueira terá lugar o concerto do grupo The Wellgreen.
- Ás 18:00 horas na Igrexa de San Xulián de Lobios actuará a banda de jazz Sumrrá.
- Ás 19:00 horas nas bodegas Regina Viarum celebrarase o concerto do estadounidense M. Ward.
- A partir das 20:30 horas no Parador de Monforte de Lemos comezarán os concertos de Iván Ferreiro, The Magic Numbers, Novedades Carminha, e máis artistas por confirmar.

Domingo 30 de xullo
- Ás 14:00 horas nas bodegas Regina Viarum actuará a banda galega Best Boy. Á mesma hora nas bodegas Reitoral de Gundivós, haberá un xantar co concerto de Germán Díaz.
- Ás 17:00 horas no embarcadoiro de Doade terá lugar a festa de clausura.

Os abonos para o acceso aos concertos que terán lugar nas adegas o 29 de xullo en Sober, así como aos concertos o 30 de xullo no Parador de Monforte de Lemos, son de 44 euros. Os interesados en mercar as entradas para o festival poden facelo na www.ataquilla.es.
Máis actividades
O festival 17º Ribeira Sacra contará con visitas guiadas e roteiros, totalmente gratuítos, aos Concellos de Monforte de Lemos e Sober, e catas de viños en bodegas da zona, como as de Rectoral de Amandi, Regina Varium, Reitoral de Gundivós, e Adega Algueira. Ademais, haberá food trucks con propostas de xantar diversas como comida de autor, tradicional, sen glute ou vegana, e unha ampla programación musical, con artistas nacionais e internacionais como Iván Ferreiro, Novedades Carminha, The Magic Numbers ou Virginia Maestro, entre outros.