Deputación de Lugo

O Villarreal CF gañador do torneo benéfico e internacional CDLU Cup co que colabora o Goberno da Deputación

- Rivera Capón, Méndez López e Saqués, participaron na entrega de trofeos da competición de fútbol-7 alevín que tivo lugar durante a fin de semana no estadio Anxo Carro, que organizou o CD Lugo ao abeiro do contrato de patrocinio coa Deputación - No torneo participaron máis de 200 nenos de 16 equipos de España e Portugal. Os fondos recadados serán para ADACE e Somos Unidos por el Cáncer de Lugo

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués Pereira, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández; participaron este domingo na entrega de trofeos da CDLU CUP. Trátase do torneo benéfico e internacional de fútbol-7 de categoría alevín, que organizou o Club Deportivo Lugo, no marco do convenio de patrocinio que puxo en marcha o Goberno da Deputación co equipo lucense dentro da súa aposta pola promoción do deporte, a provincia e a actividade dos colectivos sociais lucenses.

Nesta cita, que se celebreou durante toda a fin de semana no Estadio Anxo Carro, participaron máis de 200 nenos de 10 e 11 anos, de 16 equipos de España e Portugal. Os gañadores desta primeira edición do torneo foron os alevines do Villarreal CF. Todos os fondos recadados serán doados á ADACE e Somos Unidos por el Cáncer.

Fondos para ADACE e Somos Unidos por el Cáncer

Nesta primeira edición da CDLU Cup, os fondos recadados das entradas, que foron de 4 euros, serán doados á Asociación de Dano Cerebral Sobrevido e á Asociación Somos Unidos por el Cáncer.

ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, formada por persoas afectadas de dano cerebral sobrevido (DCS), as súas familias e outros colaboradores. Entre os seus obxectivos están promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido; así como sensibilizar aos poderes públicos e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias. Somos Unidos fundouse en outubro do 2014. O seu obxectivo é ofrecer atención e axuda a todas as persoas afectadas de cancro. Traballan no ámbito provincial e ofrecen axuda a calquera persoa que padeza a enfermidade, indistintamente da súa patoloxía.