Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación inviste 130.000 euros no Resurrection Fest, que xera 11 millóns e 1.000 empregos

- O Presidente destacou que “un ano máis, convertemos á Deputación na administración que máis colabora. Dende o primeiro momento, apostamos xunto ao Concello polo Resu. Mentres uns só están para a foto, outros traballamos pola provincia con feitos” - A Alcaldesa remarcou que “a figura de Melchor Roel é fundamental na organización do Resurrection Fest, porque, hai 12 anos, apoiou a uns rapaces que lle fixeron a proposta e, a pesar dos atrancos, conseguiu sacar adiante, xunto coa organización, este festival” - “Melchor tivo que escoitar críticas polo seu apoio a este festival, sen o que non sería posible, por parte da oposición e dos que agora se apuran a sacar fotos dende que o Resu conseguiu ser un referente a nivel mundial”, engadiu Loureiro- Iván Méndez destacou que quedan menos de 1.000 entradas e que se espera a chegada a Viveiro en catro días de 90.000 espectadores, procedentes duns 30 países

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o fundador do Resurrection Fest, Iván Méndez, visitaron este xoves as instalacións nas que se vai desenvolver o festival de música metal e rock máis importante de España desde o 5 ao 8 de xullo. Campos Conde adiantou que “un ano máis, pois dende a primeira edición o Goberno Provincial, xunto ao do Concello de Viveiro con Melchor e María, apostamos por este festival, convertemos á Deputación de Lugo na institución que máis colabora con esta cita. Facémolo cunha achega económica de 130.000 euros, que é un importante investimento, pois o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na nosa provincia e, en especial, na Mariña, de máis de 11 millóns de euros”.

“Uns só están para a foto mentres outros traballamos pola provincia con feitos”, engadiu o titular provincial. Fixo referencia, deste xeito, a José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, administración que, ata o momento, non confirmou colaboración económica directa algunha para esta cita, pois os organizadores do Resurrection Fest o que conseguiron, tras participar nun proceso de concesión de axudas de concorrencia competitiva, foi unha subvención de 40.000 euros de Agadic, axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura. Todo isto, cando a Xunta de Galicia ten un orzamento máis de 100 veces superior ao da Deputación de Lugo.

Neste senso, María Loureiro engadiu que “durante anos, Mechor tivo que escoitar críticas polo seu apoio a este festival, sen o que non sería posible, por parte da oposición e dos que agora se apuran a sacar fotos dende que conseguiu ser un referente a nivel mundial. A figura de Melchor Roel é fundamental na organización do Resurrection Fest, porque, hai 12 anos, apoiou a uns rapaces que lle fixeron a proposta e, a pesar dos atrancos, conseguiu sacar adiante, xunto coa organización, este festival que hoxe xa é unha referencia en todo o mundo. O Resumedra ano tras ano para converterse nun dos mellores escaparates que ten a cidade do Landro e a Mariña Lucense”, engadiu a Alcaldesa.

Resu gañou o Premio Fest 2016 na categoría ao mellor formato grande a nivel nacional. Este galardón é o único que existe en España adicado aos festivais de música.