Deputación de Lugo

Os bombeiros demandan á Xunta os mesmos fondos que concedeu o Goberno da Deputación para equiparar soldos

- Estes profesionais agardan que a Xunta achegue ao Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo 330.000 euros, como fixo o Goberno da Deputación, para poder cobrar o mesmo que os bombeiros do resto de Galicia
- Santos Ramos destacou que “o PP na Xunta e na Deputación tentan confundir á xente, pois o Goberno galego non ten ningún problema en investir nos salarios dos profesionais de Ourense pero si nos de Lugo”
- “O PP participa na manifestación, dando a entender que non son capaces de convencer aos seus compañeiros na Xunta. Este é o seu dobre xogo. Candia asumiu compromisos pero hoxe non dá a cara e manda á manifestación a outros Deputados”

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, participou este mércores na manifestación que convocaron os bombeiros da provincia de Lugo para esixir á Xunta que desbloquee a súa equiparación salarial, pois está pendente de que o Goberno galego conceda os 330.000 euros que xa achegou o Executivo Provincial ao Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo para poder efectuarse. Estes profesionais cobran 3.000 euros menos que os do resto de Galicia cando fan o mesmo traballo. 

Santos Ramos apuntou que “os bombeiros da provincia de Lugo cobran 18.000 euros ao ano e os de Ourense uns 21.000 euros; unha diferenza que, ao noso parecer, non ten sentido, pois polo mesmo traballo hai que ter o mesmo salario. O PP na Xunta e na Deputación tentan confundir á xente, posto que o Goberno galego non ten ningún problema en investir nos salarios dos profesionais de Ourense, pero si nos de Lugo”

Dobre xogo
O Deputado criticou ademais a postura do Partido Popular de Lugo neste asunto pois “hoxe participan na manifestación, dando a entender que, nin tan sequera, son capaces de convencer aos seus compañeiros da Xunta de Galicia. É o dobre xogo ao que nos teñen acostumados. Candia asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que non ía a cumprilos e botando a culpa a outros do seu partido. Hoxe decidiu non dar a cara e mandar a compañeiros na Deputación á manifestación”.

“O que queremos é que o Partido Popular de Lugo mostre a súa influenza no Goberno Galego do Partido Popular, que se deixe de escusas e que defenda a estes profesionais, que desempeñan unha labor que conta con todo o noso recoñecemento”.

“Que se deixen de confundir e enganar á xente, facendo ver que defenden esta equiparación salarial na Deputación de Lugo, cando é a administración que si cumpriu cos bombeiros, por iniciativa do seu Presidente. Que defendan o mesmo ante a Xunta de Galicia, que é a administración, gobernada polo PP, que está a bloquear esta xusta equiparación salarial, que si fixeron na provincia de Ourense pero non na de Lugo”.

“Ás manifestacións hai que vir con acordos e cos deberes feitos, tal e como fixemos dende o Goberno da Deputación”, concluíu Santos Ramos.