Deputación de Lugo

Éxito de participación e vendas na poxa de Rubia Galega que por 1ª vez organizaron na Granxa Gayoso Castro a Deputación e ACRUGA

O Presidente asistiu á subasta, na que o prezo medio acadado das 10 xovencas ofrecidas, todas elas adxudicadas, foi de 2.255 euros, un récord tendo en conta que a cotización media das poxas nas que tomou parte ACRUGA o pasado ano situouse nos 1.945 euros Gandeiros de toda a provincia, pero tamén de Pontevedra e Coruña, concorreron á poxa, da que destacaron as excelentes características xenéticas, morfolóxicas e sanitarias das reses que se presentaron
A poxa de Rubia Galega que organizaron este mércores por primeira vez na Granxa Gayoso Castro a Deputación de Lugo e a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) resultou un éxito de participación, vendas e prezos. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do presidente de ACRUGA, César Dorado, asistiu á celebración da subasta, na que estiveron presentes un cento de gandeiros. Deles, un total de 24 concorreron á poxa das 10 becerras preñadas que se presentaron, unha cantidade elevada tendo en conta que nas subastas de ámbito nacional adoitan poxar unha trintena de produtores, e a que tivo lugar hoxe en Gayoso Castro foi de ámbito provincial. Os gandeiros procedían na súa maioría da provincia de Lugo -en concreto dos Concellos da Fonsagrada, Castroverde, Becerreá, Baleira, Baralla, Triacastela, Friol, Lugo, Sarria, Ribadeo, Láncara, Palas de Rei e Pedrafita do Cebreiro-, pero tamén da localidade coruñesa de Cedeira e das pontevedresas de Lalín, Silleda e Vila de Cruces.

Os produtores participantes destacaron as excelentes características xenéticas, morfolóxicas e sanitarias das reses, procedentes todas elas da nave de recría que ACRUGA ten en Gayoso Castro, e especialmente seleccionadas para esta primeira poxa celebrada na Granxa. Ademais de gandeiros xa inmersos no sector da Rubia Galega, a iniciativa atraeu o interese de persoas que queren introducirse nel a través de ACRUGA, como foi o caso dun veciño de Lalín, que comprou unha das novillas subastadas.

O éxito tamén foi de vendas, pois adxudicáronse tódalas novillas presentadas, e de prezos, xa que a cotización media acadada foi de 2.255 euros, un récord tendo en conta que o importe medio das poxas nas que tomou parte ACRUGA o pasadoano 2011 foi de 1.945 euros. O prezo máis elevado na poxa de hoxe foi de 2.550 euros. Os gandeiros que compraron as becerras son da Fonsagrada, Ribadeo, Sarria, Vila de Cruces, Baleira, Silleda e Lalín. Caixa Rural fíxolles unha achega de 300 euros pola adquisición de cada res.

O Presidente provincial destacou que esta poxa, á que tamén asistiron o Deputado de Cooperación, Juan José Díaz Valiño, e o de Economía Rural e do Mar, José Fernández, enmárcase na estreita colaboración que Deputación e ACRUGA manteñen dende hai 5 anos, “respondendo á firme e decidida aposta polo sector agrogandeiro que facemos na Deputación co obxectivo de favorecer a xeración de riqueza e emprego neste sector estratéxico para a nosa economía, e contribuíndo así a fixar poboación no rural”. Neste senso, lembrou que a Deputación fará neste ano 2012 unha nova nova achega de preto de 170.000 euros para o funcionamento e actividades de ACRUGA.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Criadores enmarcou igualmente esta primeira poxa de Rubia Galega na Granxa Gayoso no labor de promoción da raza que desenvolve o colectivo, ó tempo que atende á demanda de exemplares de Rubia tanto en Galicia como fóra da comunidade. “Neste fin cobra especial importancia a celebración de feiras e puxas ó longo de todo o ano e en diferentes enclaves do país. Agora demos un paso máis aló coa celebración dunha subasta no que pode ser considerado o berce da colaboración entre Deputación e ACRUGA: a Granxa Gayoso Castro”, indicou César Dorado. O responsable de ACRUGA explicou por que o centro de recría que está en funcionamento na Gayoso Castro e xestiona a asociación constitúe un eixo do traballo da asociación: “Neste centro lévase a cabo un proceso de selección dos mellores exemplares para cubrir a demanda das explotacións de rubia e tamén dos novos gandeiros que apostan por incorporarse a esta raza e, deste xeito, a ACRUGA”. Participar na subasta de hoxe levou consigo tres vantaxes fundamentais para os gandeiros: a constatada calidade das xovencas; o prezo; e a posibilidade de ver o traballo do centro de recría de Gayoso Castro. En canto á calidade das becerras, as reses presentadas foron seleccionadas a través dun proceso xenético, é dicir, que proceden de reprodutores con bos índices xenéticos. Ademais, estes exemplares pasaron satisfactoriamente un proceso morfolóxico e unha terceira selección baseada no aspecto sanitario. Polo que respecta ó prezo, como vén sendo habitual noutras actividades de ACRUGA, a entidade bancaria Caixa Rural colaborou achegando 300 euros pola compra de cada novilla.

A centro de recría, peza clave

Outras das vantaxes de acudir á subasta que se celebrou na Granxa Gayoso foi a de poder ver o traballo que se está a facer neste centro de recría, unha iniciativa que se creou en 2007, grazas ó convenio entre a Deputación de Lugo e ACRUGA, co obxectivo de recuperar xeneticamente a raza, e facilitar a súa promoción e expansión. Esta estreita colaboración entre ambos organismos rematou nun proxecto de banco de animais vivos de alta selección xenética para poder crear un rabaño de elite de raza Rubia Galega co que levar a cabo estudios xenéticos, produtivos e reprodutivos a fin de fomentar un grupo de femias de elite, fomentando a recría e a reposición. Outras metas deste centro pasan por seleccionar exemplares de excelentes cualidades para poder asistir a exposicións, feiras e subastas e cubrir a gran demanda que existe hoxe, polo que non é de estranar que os responsables de ACRUGA aseguren que o centro de recría da granxa é unha peza clave na labor de promoción e expansión da raza Rubia Galega. Grazas a este centro, pódense adquirir novillas de 8 ou 9 meses, de alta selección xenética, morfolóxica e sanitaria, que doutra forma perderíanse no mercado da carne. O destino destes animais recriados na granxa son aquelas explotacións que se incorporan por primeira vez á Rubia Galega, o que contribúe a expandir a raza, tanto en Galicia, como no resto do territorio nacional.

Neste senso, o presidente de ACRUGA, César Dorado, chamou a atención sobre o importante labor que se fai para o sector “apostando polas razas autóctonas e evitando a chegada de razas foráneas”. Ademais, destacou a incorporación no último ano de 53 gandeiros á asociación, todos mozos, e insistiu en que “o crecemento da demanda favorece ós productores, xa que se esta medra, o produto véndese mellor”.

O prezomediodasresesaumentouen500euros Esta afirmación queda constatada cos resultados das puxas nas que toma parte a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, pois, tanto a porcentaxe de animais adxudicados, como o prezo medio de venda dos mesmos, experimentaron unha tendencia ó alza nos últimos anos, a diferenza doutras razas. De feito, o prezo medio de venda aumentou nuns 500 euros nos últimos dous anos, unha tendencia ó alza que se amosa na seguinte táboa:
AnoSubastadosAdxudicados% adx.Prezomedio
2008794658,21.470
2009826073,21.734
2010625690,31.931
2011787191,01.945


Outra das cuestións que chama a atención nas puxas realizadas por ACRUGA é a alta porcentaxe de novillas subastadas procedentes do centro de recría, aproximadamente un 90% do total de exemplares vendidos en poxas.
Os bos resultados acadados van parellos ó incremento do censo nesta granxa. Do total das case 750 novillas adquiridas nestes 5 primeiros anos de vida do centro de recría, o 70% está xa en distintas ganderías de ACRUGA, tanto de Galicia, como do resto das comunidades autónomas, sendo a maioría das explotacións de nova adscrición á asociación.