Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación téndelle a man ao da Xunta para o desenvolvemento dos xeodestinos turísticos da provincia

- Vidal Baamonde sinalou que desde que o Executivo autonómico definiu en 2011 os xeodestinos turísticos de Galicia, só constituíu 1 dos catro xeodestinos lucenses, o da Ribeira Sacra - Ante esta situación, o Deputado de Turismo bríndalle o apoio á Xunta para constituír os 3 xeodestinos restantes: Mariña Lucense, Terra Chá-Lugo e Ancares-Courel. Ademais, criticou a exclusión do organismo provincial das reunións preparatorias deste último xeodestino - Vidal Baamonde avanzou que a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación segue unha metodoloxía participativa. As mesas de traballo de Burela, o 7 de marzo, e de Vilalba, o día 9, son os primeiros de 5 encontros nos que están chamados a participar 200 colectivos da provincia
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, en representación do Goberno Provincial, tendeulle a man publicamente ao Executivo autonómico para colaborar no impulso dos catro xeodestinos lucenses e solucionar “as grandes eivas que presenta a nosa provincia e que lastran o seu desenvolvemento turístico, como son as deficiencias nas vías de comunicación”.

Vidal Baamonde explicou que a Xunta, como a principal administración galega coas competencias directas en materia turística, definiu no ano 2011 os xeodestinos que hai na provincia de Lugo. Seis anos despois, o único xeodestino que constituíu foi o da Ribeira Sacra. Pois cómpre aclarar que na Mariña existe unha Mancomunidade que naceu froito do esforzo dos municipios para a xestión conxunta de servizos municipais e que con posterioridade comezou a traballar no eido turístico, pero non é unha entidade xestora do xeodestino e, ademais, a súa composición xeográfica tampouco se corresponde coa delimitación do xeodestino definida polo Goberno autonómico.

Ante esta situación, e tendo en conta que están pendentes de constitución os xeodestinos da Mariña, Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel,  o Goberno da Deputación amosa toda a súa vontade de colaboración co Executivo autonómico para, conxuntamente co resto de administracións públicas, conformar os xeodestinos e impulsar o turismo na provincia de Lugo de xeito conxunto.

Doutra banda, o Deputado de Turismo considerou “inxustificable” que a Xunta organizase o pasado 1 de marzo unha reunión cos Alcaldes da Montaña para constituír o xeodestino Ancares-Courel e non convocase o organismo provincial. Sinalou que a Lei de Turismo contempla que, con carácter previo á constitución dos xeodestinos, se consulte ás entidades municipais e supramunicipais, como é o caso do organismo provincial.

En contraste coa política do Goberno autonómico, o Deputado sinalou que o Plan Estratéxico de Turismo da Deputación é “un plan participativo e moi transversal”, no que todos os axentes implicados no turismo, tanto públicos como privados, poden ter voz. Ademais, remarcou que dende a institución provincial mesmo se convidou á Directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, e ao xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, a que fixesen a súa contribución.

5 mesas de traballo coa participación de 200 colectivos

A elaboración do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación atópase actualmente na fase de consulta ao sector, que inclúe a celebración de 5 mesas de traballo coa participación de 200 entidades de toda a provincia, a realización de 20 entrevistas en profundidade con expertos e a distribución de enquisas en liña a 40 colectivos do sector turístico. O obxectivo de todas estas accións é recadar datos e propostas para incorporar ao plan.

Vidal Baamonde anunciou esta mañá en San Marcos que nesta semana se celebrarán xa as primeiras mesas de traballo: o 7 de marzo, en Burela, coa participación de 35 entidades, entre museos, oficinas de turismo, clubs naúticos, asociación culturais e de empresarios; e o xoves 9 de marzo terá lugar unha nova mesa en Vilalba, coa colaboración doutros 20 colectivos. As mesas de traballo completaranse cos encontros de Lugo e Pedrafita do Cebreiro, os días 14 e 16 de marzo, respectivamente. E finalmente co de Monforte de Lemos, o día 21 deste mes.

Na súa intervención, Vidal Baamonde tamén explicou que xa se efectuaron a maioría das 20 entrevistas previstas con expertos dos ámbitos científico e académico, da administración pública e do sector privado, entre os que se inclúen, por exemplo, Miguel Pazos Otón, Director do Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais das mesas de traballo e das entrevistas, a fase de consulta ao sector tamén inclúe a distribución de enquisas en liña a 40 colectivos profesionais da provincia, ligados á hostalería, o comercio, as actividades náuticas, a artesanía e ao turismo activo e cultural. O cuestionario, cuxo prazo de contestación remata o 13 de marzo, ten por obxectivo coñecer a opinión do sector turístico sobre aspectos como as comunicacións na provincia, a sinalización, a conservación dos recursos turísticos e a accesibilidade física e intelectual aos recursos.

400.000 euros para as accións deste ano

O Goberno da Deputación está traballando na elaboración do primeiro Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, que establecerá as liñas estratéxicas e os plans de actuación prioritaria ata o 2020. Segundo avanzou Vidal Baamonde, o Executivo prevé presentar o plan no vindeiro mes de xuño e destinará un orzamento, nesta anualidade, de 400.000 euros para executar as primeiras accións.