Deputación de Lugo

Deputación, Concello de Viveiro e RAG de Belas Artes homenaxean a Maruja Mallo polo Día das Artes Galegas

- O Presidente, a Alcaldesa de Viveiro e o Presidente da RAG participaron este sábado na homenaxe á artista viveirense que tivo lugar no Teatro Pastor Díaz do municipio - Campos Conde destacou que “Maruja Mallo foi un exemplo de valentía, liberdade e defensa dos dereitos das mulleres, nunha época de prohibicións e represión” - Unha exposición, unha xornada no Congreso de xéneros ou a edición dun libro para os centros escolares da provincia son só algunhas das actividades que o Goberno da Deputación ten programadas durante todo o ano para difundir a figura de Maruja Mallo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este sábado na homenaxe a Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas, que tivo lugar no Teatro Pastor Díaz do Concello de Viveiro. Fíxoo xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, o Presidente da RAG de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González. Este ano a Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas á figura de Maruja Mallo, por este motivo, Deputación, Concello de Viveiro e RAG de Belas Artes puxeron en marcha unha programación de actividades coa que pór en valor a figura e obra de Maruja Mallo.
                                                                                       
Campos Conde destacou que “Maruja Mallo foi un exemplo de valentía, liberdade e defensa dos dereitos das mulleres, nunha época de prohibicións e represión. É unha honra para a nosa provincia que esta artista viveirense, que estivo de bolseira durante 3 anos pola Deputación de Lugo, sexa homenaxeada pola RAG de Belas Artes, no Día das Artes Galegas deste ano. Esta pintora, foi unha das mulleres que liderou unhas das xeracións máis importantes e prolíficas da nosa historia, a do 27. Unha persoa comprometida coa identidade galega, que forma parte da esencia da nosa cultura e que segue a ser un referente para todos nós”.

Durante o acto de homenaxe o grupo vocal SONdenos interpretou varias cancións para todos os asistentes e a académica da RAG de Belas Artes, Asunción Rodríguez Rodríguez, recitou unha glosa enxalzando á pintora lucense.

Actividades programas pola Deputación
O Goberno da Deputación ofrece durante todo o ano unha programación, totalmente gratuíta para os lucenses, de actividades culturais para pór en valor a vida e obra de Maruja Mallo pola provincia lucense. En concreto, o Executivo Provincial ten previsto inaugurar no mes de xuño no Museo Provincial de Lugo unha exposición enfocada na pintora, que contará cos 7 cadros que a Deputación posúe da artista viveirense, entre os que destaca Guía Postal de Lugo. Ademais, da mostra exposta en Lugo, urxirá un proxecto colectivo entre artistas da mariña para ser exposto no Concello de Viveiro.

Outra das iniciativas do Executivo provincial é editar un libro sobre Maruja Mallo, para que os alumnos de secundaria dos centros escolares de toda a provincia coñezan o legado desta artista. Esta publicación contará con ilustracións de historias de ficción con fundamentos didácticos para impulsar o coñecemento da obra da artista viveirense.

O organismo provincial clausurou o IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que tivo lugar no Museo do Mar no Concello de Cervo, cunha xornada dedicada a Maruja Mallo contando coa intervención de figuras destacadas como Victoria Carballo Calero, membro da RAG, coa que a Deputación colaborará publicando un libro sobre a pintora lucense.

Ademais, co obxectivo de difundir o traballo pictórico realizado pola viveirense, dende o Goberno Provincial planificouse unha visita ao centro cultural Regal Xunqueira, enmarcada nos roteiros aos obradoiros da provincia, para que os participantes puidesen ver a mostra Mallo en marzo que conta con obras de Maruja Mallo e que permanecerá exposta ata o 12 de xuño.

RAG de Belas Artes
No 2016, a RAG de Belas Artes aprobou, por maioría, elixir a candidatura de Maruja Mallo para a celebración do Día das Artes Galegas. Nesta deliberación, a Academia tivo en conta o significado do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas, escritores e intelectuais como Salvador Dalí, Federico García Lorca, ou Luis Buñuel, a súa integración ás vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller.

Maruja Mallo
Maruja Mallo naceu en Viveiro, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia de boa posición. Xa moza, trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas como Margarita Manso, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións. En 1932 viaxou a París, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico, entre outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. Dende ese momento a súa pintura cambia radicalmente, influenciada polo surrealismo.

En 1937, debido á Guerra Civil que se estaba vivindo en España, viaxa a América, onde pasará o seu exilio en Arxentina e Estados Unidos. Regresou a España en 1962, onde realizou varias exposicións. En 1982 recibe a Medalla de ouro das Belas Artes, concedida polo Ministerio de Cultura. Finou en Madrid en 1995, a idade de 93 anos.

Guía Postal de Lugo
A Rede Museística Provincial de Lugo custodia na actualidade 7 cadros da pintora lucense, 6 deles expostos, entre os que se encontra un dos máis famosos, Guía Postal de Lugo. Este cadro pintado por Maruja Mallo foi realizado en 1929 por encargo da Deputación de Lugo para ilustrar as páxinas do libro Lugo y su provincia (Libro de Ouro). Nesta pintura a artista ofrece a súa visión de Lugo a través dun collage de diversos lugares da provincia, a modo de postais superpostas. Mestura modernidade e tradición, co seu propio imaxinario, dando lugar a unha obra moi rica en significados e matices, onde o real fúndese co irreal.