Deputación de Lugo

55 mozos lucenses no paro comezan hoxe os cursos do LUGOWORK, que inclúe contratos en empresas


- O Presidente e a Alcaldesa de Lugo mantiveron un encontro cos rapaces que iniciaron no CEI-NODUS o curso de “Auxiliar de ventas e atención ao público”
- Son 55 menores de 30 anos os que reciben dende este luns máis de 1.000 horas de formación. Os que finalicen con éxito esta fase, poderán acadar contratos en empresas, que recibirán axudas de 5.000 euros da Deputación para os custos laborais
- As 4 accións formativas postas en marcha en Lugo e Viveiro, as primeiras do plan de emprego xuvenil do Goberno Provincial, versan sobre ventas e atención ao público, cociña e restauración, aproveitamento forestal e xestión informática para PEMES

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, mantiveron este luns un encontro no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) con 15 mozos lucenses no paro, que iniciaron hoxe o curso “Auxiliar de ventas online e offline e atención ao público”. É unhas das 4 accións formativas gratuítas, que hoxe mesmo puxo en marcha o Goberno da Deputación co LUGOWORK, o seu plan de emprego xuvenil na provincia, dotado de 2 millóns de euros, que captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.
Son 55 os mozos desempregados os que comezaron os 4 primeiros cursos deste plan e os que recibirán 1.015 horas de aprendizaxe sobre profesións detectadas como nichos de emprego na provincia. Unha vez rematada a fase formativa, os participantes que a finalicen con éxito terán a posibilidade de seren contratados en empresas da provincia, seleccionadas nun proceso público, durante 6 meses. O Executivo Provincial custeará con axudas de 5.000 euros por traballador os seus custos laborais.
Accións formativas iniciadas
As 4 accións formativas do LUGOWORK que xa están en marcha son as seguintes:

- Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público (Lugo): son 15 alumnos os que reciben un total de 250 horas de formación, que se distribúen en 8 semanas en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os contidos que se inclúen neste obradoiro de emprego son os dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas online e offline.
- Curso de cociña e servizo de restauración (Lugo): son 12 alumnos que reciben un total de 330 horas de formación, que se distribúen en 8 semanas. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo acolle esta actividade en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os obxectivos que se enmarcan nesta acción formativa pretenden desenvolver todo tipo de servizos relacionados co ámbito alimenticio e restauración e elaboracións culinarias á vista do comensal, empregando, en caso necesario, a lingua inglesa. 
- Curso de utilización eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal (Viveiro): son 12 alumnos que reciben un total de 235 horas de aprendizaxe, distribuídas en 8 semanas en horario de 16:00 a 21:00 horas. As actividades que se inclúen son as de realizar operacións necesarias para o aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade sempre respectando a normativa medioambiental e de prevención de riscos laborais.
- Curso de auxiliar de xestión informática e Internet para PEMES (Lugo): son 16 alumnos que reciben unha formación de 200 horas distribuídas en 8 semanas de aprendizaxe en horario de 09:00 a 14:00 horas. Este curso pretende formar traballadores que poidan abarcar un amplo abanico de tarefas relacionadas coas TIC nunha PEME. Entre as actividades a desenvolver inclúense as de mantemento básico dunha rede informática, da imaxe corporativa en Internet, das relacións en redes sociais da empresa colaborando co resto de persoal ou a xestión de datos da mesma.

Formación e logo emprego
Cómpre subliñar que as accións formativas se axustan ás necesidades das empresas da provincia, pois o Executivo Provincial mantivo 11 encontros participativos con representantes dos principais sectores produtivos lucenses e contactos con preto de 600 entidades lucenses, que lle trasladaron os perfís laborais que requiren para ser máis competitivos. É por iso que os contidos deste programa formativo foron deseñados en base as necesidades das empresas do sector.
Tras esta fase, os participantes que rematen con éxito a formación terán a posibilidade de ser contratados durante 6 meses en empresas da provincia, que serán seleccionados nun proceso público, pois o Goberno da Deputación financiará os custos laborais dos novos traballadores con axudas de 5.000 euros.

Máis cursos e axudas no 2017
Durante este ano 2017, o Goberno da Deputación ofrecerá máis cursos con posibilidade de contratos, ao tempo que arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.