Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación ofrece 71 obradoiros e demostracións de artesanía a Concellos e asociacións de toda a provincia

Imaxe deputación de lugo
- O Executivo aprobou este venres en Xunta de Goberno Promoción da Artesanía 2017, co que financia con 35.000 euros os custos de 40 obradoiros e 31 demostracións
- Mañá publicaranse as bases no BOP e o luns abriranse dous prazos de inscrición: un para os artesáns interesados en impartir as actividades e outro para que municipios e colectivos de toda a provincia soliciten as mesmas
-  O Goberno da Deputación propón á Xunta a celebración na provincia de 2 novos obradoiros de emprego con formación remunerada para contribuír á inserción laboral de 32 mozos lucenses desempregados

O Executivo da Deputación ofrece un total de 71 obradoiros e demostracións en vivo de artesanía aos 67 Concellos da provincia de Lugo, así como a todos os asociacións lucenses. Faino a través da programación Promoción da Artesanía 2017 , que aprobou este venres na Xunta de Goberno. Conta cun orzamento de 35.000 euros para asumir todos os custos da organización e celebración desta actividades en impulso do sector artesanal da provincia.

Así o informou hoxe a vicevoceira do Goberno Provincial, Pilar García Porto, que explicou que maña se publicarán as bases desta programación no BOP e o luns abrirase o prazo de solicitude ata o 21 de maio incluído. As bases e anexos estarán a próxima semana en www.deputacionlugo.gal. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Provincial.

Haberá unha inscrición para todos os artesáns interesados. Para garantir a igualdade de participación, estes entrarán nunha bolsa á que o organismo provincial recorrerá á hora da celebración dos obradoiros e demostración. A súa selección rexerase por rigorosa orde de solicitude e entrada en dita bolsa. Terán que cumprir cos requisitos que se establecen nas bases. A outra inscrición será para todos os Concellos e asociacións da provincia que desexen beneficiarse destas actividades, que son totalmente gratuítas para os mesmos.  

Dúas liñas
O Promoción da Artesanía 2017 contempla dúas liñas cun total de 35.000 euros:

1ª.- Obradoiros Artesáns. Esta liña conta cunha achega de 22.000 euros, cos que se poderán celebrar un total de 30 obradoiros na provincia: traxe tradicional popular, coiro, encaixe de palillos, cestaría, fotografía, instrumentos musicais, talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, cantaría, encadernación, pinturas e revestimentos decorativos, papel, papel artesanal, escenografía ou monicreques. Cada un deles ofrece 25 horas formativas, será financiado en solitario polo organismo provincial con 700 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 750 horas de formación.

2ª- Demostracións en vivo. Esta liña está dotada con 13.000 euros, coa se poderán celebrar 40 demostracións en vivo: coiro; olaría; cestaría; cantaría; forxa; talla de madeira; torno; tear e creación de espectáculos de monicreques. Cada demostración deberá ser dun mínimo de 4 horas, será financiada en solitario polo organismo provincial con 300 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 300 horas de demostracións.

Emprego
O Executivo da Deputación tamén acordou hoxe na Xunta de Goberno propoñer á Xunta de Galicia a celebración de 2 accións formativas remuneradas para un total de 32 desempregados lucenses co fin de facilitar a súa inserción laboral.  Ambas as dúas accións están dirixidas a mozos menores de 25 anos, ou de 30 nos casos de persoas con capacidades diferentes. Ofrecen 970 horas de formación, remunerada cuns 700 euros. Estas accións contan tamén co certificado de profesionalidade correspondente.

Os obradoiros que o Goberno Provincial presentou ao Goberno Galego son:
 

  • Interconectando co Terceiro Sector, co que se busca crear unha intranet dirixida ás entidades sen ánimo de lucro (Terceiro Sector) e á Deputación de Lugo para establecer unha nova canle de comunicación telemática. Esta acción inclúe tamén un módulo de Community Manager ou Social Media Manager co que os participantes afonden en novas estratexias de comunicación online.
  • Oriéntate e Coñece Europa, co que se busca por en marcha unha nova plataforma online para facilitar a busca de emprego. Nela reuniránse todos os recursos necesarios para tal tarefa, como poden ser; modelos de Currículo Vitae, cartas de presentación, como preparar unha entrevista de traballo, enlaces a paxinas de RRHH, portais de emprego, estudos do mercado de traballo, programas Europeos relacionados con emprego. Posteriormente, esta plataforma será incorporada á web provincial www.deputacionlugo.gal; así como a dos Concellos que o desexen.