Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación pon en marcha mañá as Rutas Fluviais da Ribeira Sacra

- A Xunta de Goberno aprobou solicitar ao Ministerio un convenio con TRAGSA para que sexa esta entidade pública a que se encargue do funcionamento das catamaráns
- Campos Conde remarcou que “conseguimos unha solución ao bloqueo do PP, que de xeito totalmente irresponsable, tentou que as rutas fluviais non funcionasen en abril coa Semana Santa”
- “Fixémolo con responsabilidade e axilidade, porque somos conscientes da importancia dos catamaráns para o sector turístico da provincia, e especialmente para a Ribeira Sacra”
- O Executivo Provincial solicita á Xunta 3 programas de emprego para facilitar a inserción laboral de 48 parados lucenses


O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este venres que o Goberno da Deputación porá en funcionamento as Rutas Fluviais da Ribeira Sacra dende mañá mesmo. Fíxoo logo de que a Xunta de Goberno aprobase na sesión deste venres solicitar ao Ministerio un convenio de colaboración entre o organismo provincial e TRAGSA para que sexa esta entidade pública a que se encargue do funcionamento das rutas fluviais.

O titular provincial explicou que dende sempre os catamaráns funcionaron a través de SUPLUSA, pero este ano o PP bloqueou a súa posta en marcha dende este organismo. Por este motivo, o Goberno Provincial buscou unha solución que permitise abrir as Rutas Fluviais. “Non íamos deixar na estacada a todos os profesionais que ven nas Rutas Fluviais todo un revulsivo económico”, apuntou.

Cronoloxía dos feitos
O Executivo Provincial traballou dende o primeiro momento para abrir, tal e como sempre se fixo, as Rutas Fluviais da Ribeira Sacra o día 1 de abril e dende SUPLUSA. Para elo, o Presidente da Deputación levou ao Consello de Administración de SUPLUSA as bases para a selección, a través dun concurso público e aberto a todos os cidadáns, dos traballadores que prestan dito servizo aos milleiros de persoas que, ano a ano, se achegan aos catamaráns. No Consello, o Partido Popular decidiu bloquear este proceso e, polo tanto, a apertura das rutas.

Deste xeito, dende a propia tarde do martes, tras dito bloqueo en SUPLUSA, o Goberno Provincial comezou a estudar todas as posibilidades para abrir coa máxima axilidade as Rutas Fluviais.
“Fixémolo con axilidade e responsabilidade, porque sabemos da importancia dos catamaráns para o turismo da provincia, que medra de xeito exponencial, sobre todo na Ribeira Sacra. Asegúrovos que dende aquel martes no que o PP bloqueou os catamaráns, non deixamos de traballar. Quero recoñecer o traballo feito polo meu compañeiro Eduardo Vidal, Deputado de Turismo; así como o dos técnicos provinciais que amosaron a súa máxima implicación para garantir o funcionamento dos catamaráns”

Horarios das Ruta
O Goberno da Deputación inicia o 1 de abril, as viaxes en catamarán polos ríos Miño e Sil. O horario do seu funcionamento é o que se apunta a continuación a excepción da Semana Santa (dende o 8 ao 16 de abril) na que haberá rutas todos os días, unha ás 11.30 horas e outra ás 16.00 horas. Polo tanto, a excepción da semana santa, dende mañá e ata o mes de maio o horario é:

- “Canón do Sil”, de Santo Estevo ata o Mosteiro de Santa Cristina, con embarcadoiro en Doade; de martes a domingo, e días festivos, en horario de 11:30 e 16:00 horas.
- “Ruta do Cabo do Mundo” no Miño, con embarcadoiro en Belesar, no Concello do Saviñao; os sábados, domingos e festivos nacionais ás 11:30 e as 16:00 horas.

A partires de xullo e ata setembro, haberá viaxes de mércores a domingo, en horario de 11:30; 16:30 e 19:00 horas.

Máis de 6.000 reservas
O titular provincial subliñou que ambas as dúas rutas contan xa con 6.800 reservas para todo o ano, habendo en abril 2.400. Os catamaráns dos ríos Miño e Sil veñen rexistrando un crecente número de viaxeiros cada ano. De feito, no ano 2016, foron 46.063 as persoas que navegaron por algunha das rutas, o que supón un 12% máis que no 2015, que foron 40.817. Todo isto, a pesar de que o ano pasado o servizo estivo interrompido tres meses por tarefas de mellora das embarcacións. “Poñemos en marcha os catamaráns ofrecendo os mesmos servizos do ano pasado: a Central de reservas, a oficina de Doade e profesionais para a atención dos usuarios”.

Plan de Roza
A Xunta de Goberno iniciou o proceso de contratación do Plan de Roza da rede viaria provincial, por valor de 800.000 euros, coa que se busca acondicionar os preto de 4.300 quilómetros de estradas provinciais; e dinamizar o emprego na provincia pois serán autónomos e pequenas empresas lucenses as que se encargarán da execución destes traballos. Para elo, fíxose unha división da rede viaria provincial, a máis extensa do estado, en 24 zonas, que inclúen vías dos 67 Concellos, para adecuar a roza ás necesidades específicas dos viais. Os traballos comezarán, previsiblemente no mes de xuño, logo de cumprir con todos os prazos legais establecidos para a súa contratación.

Obradoiros de Emprego
O Goberno da Deputación acordou propoñer á Xunta 3 accións formativas remuneradas para 48 desempregados lucenses que faciliten a súa inserción laboral. Os obradoiros que o Executivo provincial presenta ao Goberno Galego son os seguintes: Mirador de Paredóns: que busca a utilidade pública do Mirador de Mondoñedo; Revitaliza aos Maiores da Provincia para ofrecer formación especializada sobre asistencia social; e Concilia no rural no 2017 que ofrece formación para a atención de nenos de 3 meses aos 3 anos.

Campos Conde explicou que “esta é a quinta vez que concorremos a programas de emprego da Xunta de Galicia. Nas 4 anteriores convocatorias, propuxemos ao Goberno Galego 11 obradoiros para a inserción laboral de 176 lucenses no paro, pero só nos concedeu 1 único obradoiro no que puideron participar 16 veciños”.

Obras
A Xunta de Goberno aprobou os plans de seguridade e saúde no traballo para poder iniciar as melloras na LU-P-6513, de Vilalba a Campo de Foxo de Penamaior e Rampa a Xermade. Esta é unha das obras incluída dentro do Plan Integral de Mellora da rede viaria, que conta cun investimento de 140.000 euros.

Buxiganga
Na sesión, tamén se aprobaron as bases e os modelos de adhesión do programa cultural Buxiganga 2017. Trátase dunha programación dirixida a todos os Concellos da provincia e asociacións, ofrecéndolles a celebración de actuacións de teatro afeccionado.

O Presidente apuntou que esta é unha colaboración máis cos Concellos a maiores do Plan Único, pois esta non vai a ser a única iniciativa que dende o Goberno se ofreza aos municipios. O orzamento do Buxiganga é de 40.000 euros.