Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación ofrece a 75 mozos no paro formación e emprego con outros 5 cursos do LUGOWORK  

- É o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Executivo tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da EOI
- Son cursos de auxiliar de xestión informática e internet para PEMES; aplicacións e manexo de sistemas aéreos non tripulados (Drons); Socorrismo e Empredemento
-Tras a formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas lucenses ás que a Deputación ofrecerá axudas de 5.000 euros para os custos laborais  

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, informou este mércores sobre  a posta en marcha doutras 5 novas accións formativas para lucenses menores de 30 anos no paro, que inclúe o LUGOWORK. É o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Goberno Provincial tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da EOI. O 91,89% dos fondos deste plan son do Fondo Social Europeo.

Santos Ramos avanzou que “tras esta fase de formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas da provincia durante 6 meses. Para elo, abriremos unha convocatoria pública, dirixida ao tecido produtivo lucense, ofrecéndolles axudas de 5.000 euros para a contratación dos mozos que conclúan con éxito esta formación, que se axusta ás necesidades laborais das empresas da provincia”.

Neste senso, o Deputado subliñou a necesidade de impulsar plans de emprego que contribúan á inserción laboral dos mozos. Para elo, Santos Ramos informou que, segundo o último dato público da Enquisa de Poboación Activa, hoxe na provincia hai 21.187 parados, dos que 3.189 teñen entre 18 e 30 anos. É dicir, máis do 15% dos desempregados lucenses son mozos.

Accións formativas
O Goberno da Deputación ofrece, a través do LUGOWORK, un total de 5 novas accións formativas dirixidas a  75 mozos lucenses no paro, que terán un total de 1.330 horas de formación, nos seguintes 5 cursos:

1.- Auxiliar de Xestión Informática e Internet para PEMES, que será impartido por AGESTIC, en Lugo cidade. “Decidimos reeditar este curso xa que, tanto os alumnos como o propio mercado, amosaron un grande interese en ofrecer formación en novas tecnoloxías para poder aplicar, nas empresas lucenses, ferramentas informáticas coas que crear valor engadido”.

2.- Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons, que será impartido en Lugo por profesionais do aeroclub de rozas. “Ofrecemos esta acción formativa porque este é un dos nichos de mercado en expansión, que ten unhas amplas posibilidades de crecemento”.

3.- Socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas. Son 2 accións formativas neste eido, que impartirá Cruz Vermella. Unha está enfocada a espazos interiores, é dicir, a piscinas; e outra a exteriores, como praias, ríos...

“Decidimos ofrecer estes cursos porque sabemos que existe unha necesidade real dos mesmos. Recentemente, o Presidente da Mancomunidade da Mariña e Alcalde de Burela, Alfredo Llano, trasladou a preocupación dos Concellos da Costa pola escaseza de socorristas; unha preocupación que tamén se estende aos municipios do interior para o funcionamento das piscinas”.

“Hai poucos días, a Xunta de Galicia puxo un parche a esta problemática para acalar as críticas que, durante a tempada de verán, recibe neste eido. O Goberno do PP de Feijóo modificou a normativa que rexe este servizo, para que, durante os vindeiros 4 anos, poidan ofrecer esta prestación persoas sen certificado de profesionalidade”.

“Pola contra, os 2 cursos que ofrece o Goberno da Deputación garanten o necesario certificado de profesionalidade aos seus participantes. Quero remarcar que esta formación no mercado custa uns 1.500 euros, pero que nós o ofrecemos de xeito gratuíto, coa colaboración de Cruz Roja”. 

- Empredemento. “Esta dirixido a aqueles mozos que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. Deste xeito, os participantes terán un titor asignado que os asesorará en aspectos coma o modelos de negocio, ou estratexias de vendas, entre outros”.

Os interesados en participar nestas 5 accións formativas para 75 mozos lucenses no paro deberán ser menores de 30 anos e estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil poden facer a súa solicitude a partires de maña e ata o 30 de abril, incluído. As inscricións poden facerse en www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es.

Emprendemento
Tamén no 2017, arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.

Sistema de Garantía Xuvenil
Ademais de ser lucense e ter menos de 30 anos, outro dos requisitos fundamental para participar no LUGOWORK e estar inscrito no Sistema de Garantía Xuvenil. Para poder facelo, os interesados non poden ter recibido por parte dunha administración pública formación de máis de 40 horas nos últimos 3 meses; non ter traballado nos 30 días naturais anteriores; ter nacionalidade española e entre 16 anos e menos de 30. A inscrición en http://www.empleo.gob.es/es/garantiajuvenil/accesoJovenes.html.