O X Comercio na Rúa bate récord e máis de cen tendas ofrecerán o venres descontos de ata o 80%
Máis de cen tendas da cidade ofrecerán este venres descontos de ata o 80% na décima edición de Comercio na Rúa Street Market, unha cifra récord de participación neste evento, organizado pola Asociación de Autónomas de Lugo, que conta coa colaboración do Concello e a Deputación. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a presidenta e a secretaria da Asociación de Autónomas, Marta López Yáñez e Teresa Fernández López, respectivamente, presentaron este mércores a nova xornada comercial, que se desenvolverá en establecementos situados en 25 rúas da cidade en horario ininterrompido de 10:30 a 21:00 horas.
Na cita participará unha ampla representación do comercio de proximidade de Lugo: textil, calzado, regalo, fogar, xoiería, peletería, decoración, eventos, mercería, perfumes, deporte, herboristería e golosinas, entre outros.
A Concelleira de Economía felicitou á asociación organizadora porque cada ano o número de tendas que se involucran nesta iniciativa é maior, o que supón un éxito para todos, e destacou a colaboración que se estableceu entre o Concello, a Deputación e a Asociación de Autónomas para potenciar este tipo de actividades que dinamizan a economía e o emprego da nosa cidade. No Concello estamos moi orgullos por colaborar cun evento que impulsa un sector estratéxico como é o comercio, que xera o 14% do PIB e o 16% dos postos de traballo do municipio, asegurou a edil.
O obxectivo é revitalizar o pequeno comercio, que fixo moitos esforzos importantes para satisfacer as necesidades de todos os veciños e veciñas. En Lugo temos de todo, afirmou Ana Prieto, quen animou aos veciños a gozar desta nova edición de Comercio na Rúa e mercar.
A Deputada de Promoción Económica explicou que a Deputación colabora a través da Fundación TIC difundindo a xornada a través das redes sociais. Sonsoles López destacou o éxito de Comercio na Rúa nos últimos anos a nivel visual e social. Rómpense as barreiras e non hai que entrar nas tendas, senón que estas saen á rúa. A Deputada puxo en valor así mesmo a variedade e calidade do tecido comercial lucense e o dinamismo da asociación de autónomas.
A presidenta deste colectivo, Marta López, agradeceu a todos os colaboradores que empezaron apoiando esta iniciativa, o Concello, a Deputación, a través da Fundación TIC, e a Federación Galega de Comercio. López subliñou a importancia de bater un récord de participación nesta décima edición, sobre todo tendo en conta a situación actual, porque hai moitos vaivéns, abren uns comercios e pechan outros; está cambiando moito o comercio de proximidade. Esperamos que o venres, co bo tempo, a xente saia a rúa, busque a cor laranxa coa que estarán identificados os comercios participantes e compre porque vai haber unhas ofertas moi boas coma sempre, un gran producto a un prezo moi pequeno, asegurou a presidenta da Asociación de Autónomas.