Deputación de Lugo

A Deputación solicita con entidades locais europeas un proxecto de 176.000 euros para potenciar o patrimonio no rural

- García Porto explicou que con estes fondos búscase celebrar un congreso internacional e accións formativas sobre a xestión de recursos patrimoniais no rural - O Goberno Provincial aprobou os plans de seguridade para poder continuar coas derradeiras obras na piscina de Monterroso, que permitirán a súa posta en marcha; e para iniciar as obras de 270.000 euros na LU-P-2801 do Concello de Lourenzá

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres concorrer, xunto con sete entidades locais de países europeos, a un proxecto comunitario de posta en valor do patrimonio cultural e desenvolvemento económico en localidades do rural. Así o avanzou a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, que explicou que se trata do Proxecto Europeo de Xestión Participativa, enmarcado no Programa Europeo cos Cidadáns. No caso de ser aprobado, estará dotado 176.000 euros, cos que se levará a cabo un congreso internacional e accións formativas sobre a xestión dos recursos patrimoniais en núcleos rurais.  

“É un plan de marcado rango internacional, que contribúe a dar a coñecer a riqueza do entorno cultural e lingüístico en Europa, ao mesmo tempo que dinamiza o patrimonio no rural e o desenvolvemento económico das nosas vilas”, destacou Pilar García Porto.
A Deputada subliñou que esta iniciativa se enmarca dentro do Ano Europeo do Patrimonio 2018, data na que se levaría a cabo.

A Deputación de Lugo concorre conxuntamente cos seguintes socios comunitarios: Vicenza (Italia), Condado de Kent (Reino Unido), Duzet (Hungría), Moylan (Bulgaria), Domikoinep (Grecia), Vojova (República Checa), e Valka (Lituania).

Doutra banda, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou os traballos de mantemento e posta en marcha a punto dos embarcadoiros e catamaráns das Rutas Fluviais da Deputación, que se financian con 435.000 euros de fondos propios.

Arranxo da LU-P-2801 en Lourenzá
O Goberno da Deputación tamén aprobou os Plans de Seguridade e Saúde no Traballo para poder continuar as derradeiras obras da piscina de Monterroso, que permitan a súa posta en marcha; así como o da estrada LU-P-2801, desde Santo Tomé, por San Adriano, no Concello de Lourenzá. O Executivo Provincial arranxará 3,3 quilómetros da desta vía con 268.425 euros. Trátase dunha das estradas máis utilizadas polos laurentinos. O seu arranxo contribuirá a mellorar a calidade de vida dos 2.300 veciños deste municipio.