Deputación de Lugo

Comezan as actividades gratuítas do Orgullo LGTBI 2017 en Lugo que ofrecen Deputación e Concello

- Santos Ramos e Méndez López participaron este venres no izado da bandeira do orgullo LGTBI e a lectura do manifesto que tivo lugar no Concello de Lugo. A continuación, no balcón do Pazo de San Marcos, despregaron a pancarta do orgullo - Trátase da programación de actividades, totalmente gratuítas e para todas as idades, que o Executivo Provincial, coa colaboración do Concello de Lugo e ARELAS, organiza dende o 23 ao 30 de xuño na capital lucense para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI - Durante a xornada, López Izquierdo inaugurou a mostra colectiva que conta con 53 pezas para visibilizar e apoiar a este colectivo e que estará exposta ata o 30 de xuño - Exposicións, obradoiros, coloquios, roteiros e concertos de música no casco histórico e no Museo Provincial  son algunhas das actividades deste ano

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Presidenta da asociación ARELAS, Cristina Palacios; a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; participaron este venres no izado da bandeira do orgullo LGTBI e a lectura do manifesto que tivo lugar no Concello de Lugo. A continuación, no balcón do Pazo de San Marcos, despregaron a pancarta do orgullo LGTBI Lugo Diversx.

Trátanse de dúas das actividades da programación, totalmente gratuíta e para todas as idades, que organiza o Goberno da Deputación a través da Rede Museística, coa colaboración do Concello de Lugo, ARELAS e Lugo Monumental, dende hoxe ao 30 de xuño na capital lucense para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI que se celebra o vindeiro 28 de xuño.

Durante a xornada, a Deputada de Promoción Económica e Social inaugurou nos xardíns do Museo Provincial de Lugo a mostra Nos+outrxs en Rede. Lugo Diversx. Redes da liberdade que estará exposta ata o 30 de xuño nos catro museos da Rede: Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo do Mar, Museo Pazo de Tor e Museo Provincial de Lugo. Ademais a colección se poderá visitar virtualmente a través da www.redemuseisticalugo.org.

A mostra conta con 53 pezas e nela participan artistas de toda España que achegan distintos tipos de obras como debuxos, escritos, poemas ou fotografías co obxectivo de manifestar o seu apoio á causa LGTBI. Anteriormente o Goberno da Deputación e ARELAS organizaron unha convocatoria aberta á participación nesta mostra para a celebración o Día do Orgullo LGTBIQ. Esta acción forma parte do proxecto Nós + outrxs en rede realizado a partir do compromiso de colectivos, artistas e a Rede Museística da Deputación e o Museo Thyssen, que versa sobre as cuestións de museos, educación, xéneros e identidade.

Resto de programación
O Executivo Provincial e o Concello de Lugo ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas, co gallo do Día do Orgullo LGTBI. O resto da programación é a seguinte:

- O domingo 25 de xuño ás 12:30 horas celebrarase o percorrido polo casco histórico As cores da Diversidade. Ás 13:30 horas terá lugar a solta de globos con mensaxes na Praza da Soidade. Durante a xornada haberá un xantar popular nos xardíns do Museo Provincial e un mercado solidario. Ás 18:00 horas comezará o obradoiro para nenxs e mozxs sobre diversidade sexual impartidos por alumnos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Lugo, e para rematar o día, ás 20:00 horas na Praza da Soidade terá lugar o concerto Pola liberdade de ser e sentir, no que actuarán os grupos Canela Cafuné e As Supremas de Lugo.

- O mércores 28 de xuño ás 18:00 horas no Museo Provincial de Lugo terá lugar o obradoiro Arte como terapia impartido polo artista transexual Kristopher Dios co que reflexionará sobre a utilidade de crear como ferramenta de auto-coñecemento, de análise e sobre todo como terapia.

- O venres 30 de xuño ás 18:00 horas na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos celebrarase o coloquio A discriminación e a LGTBifobia no deporte profesional.

Ademais durante todos estes días desenvolveranse accións reivindicativas en espazos públicos como pintar os pasos de peóns coas cores da bandeira da diversidade.