Deputación de Lugo

Co non do PP, a Deputación acorda colaborar coa Xunta na implantación en Lugo de industrias do sector primario

Imaxe deputación de lugo
- A iniciativa do PSOE foi aprobado co apoio do BNG, pois o PP opúxose, aínda que se aceptaba a súa emenda, xustificando que a Xunta xa ten un plan.  Na actualidade, non se coñecen iniciativas desta índole na provincia por parte do Executivo de Feijóo
- Santos Ramos preguntou ao PP se “Lugo non merece ter unha industria de transformación propia cando lidera no Estado a produción láctea e madereira”
- Coa aprobación desta moción, ínstase á Xunta a traballar coa Deputación na elaboración dun Plan de Industrialización en Lugo, e ponse a disposición do Goberno galego 195.000 m2 de solo industrial en 7 Concellos para implantar factorías

Co voto en contra de todos os Deputados do PP, o Pleno aprobou a moción do Grupo Provincial Socialista para que Deputación e Xunta de Galicia traballen conxuntamente na elaboración dun Plan de Industrialización para implantar na provincia de Lugo industrias de transformación do sector primario, especialmente as de segundo nivel. PSOE e BNG apoiaron esta iniciativa, á que o PP se opuxo, aínda que se aceptaba a súa emenda como unha engádega ao texto inicial, xustificando que o Goberno galego tiña plan neste eido. Na actualidade, non se coñecen iniciativas desta índole na provincia lucense, a maior produtora de leite e madeira do Estado, por parte do Executivo de Feijóo, pois os compromisos públicos que hai ao respecto atinxen a outras provincias.

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, explicou que “a provincia de Lugo lidera no Estado a produción láctea e a da madeira. Pola contra, a Comunidade galega está nos postos máis baixos no conxunto de España en canto á industria transformadora, provocando a perda de numerosos beneficios”.

Santos emprazou aos representantes do PP “a aunar esforzos para que o beneficio dos nosos sectores produtivos redunden na provincia e fiquen aquí, que non revertan noutras Comunidades”. E preguntoulles aos populares “se Lugo non merece ter unha industria de transformación propia”.

Segundos datos oficiais e públicos, a provincia luguesa xera 1 millón de toneladas de leite, que representan máis do 43% da produción total de Galicia, Comunidade que se  sitúa no posto número 7 de industrias lácteas, por detrás de, por exemplo, País Vasco cando só produce o 2,5% do leite de España.

O mesmo acontece co sector da madeira. O volume de cortas anual de madeira na provincia luguesa oscila entre o millón e 3 millóns de metros cúbicos, facendo que en Galicia se concentre o 55% das cortas de madeira en España. Pola contra, as comunidades que lideran as empresas transformadoras de madeira son Cataluña (17,34%), Andalucía (14,38%), Valencia (13,57%) e Madrid (9,58%).

Solo industrial en 7 Concellos a disposición da Xunta
Ante este desequilibrio, o Goberno da Deputación ofrece á Xunta de Galicia 195.000 metros cadrados de chan industrial con custos vantaxosos co obxectivo de implantar industriais transformadoras do sector primario, especialmente de segundo nivel. Dito espazo, que representa o 40% do solo construído polo organismo provincial, é o que está libre en 7 Concellos da provincia. A súa distribución é a seguinte: en Ourol, 14.869 metro cadrados; Paradela, 22.821 metros cadrados; Baleira, 700 metros cadrados; Friol, 34.708 metros cadrados; Begonte, 7.000 metros cadrados; Castroverde, 61.371 metros cadrados; e Chantada, 55.348 metros cadrados.