Deputación de Lugo

Viveiro acollerá este domingo a final de fútbol afeccionado da XXXIV Copa Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Trátase do encontro que clausura a Copa que organizou o Goberno en colaboración coa Federación Galega de Fútbol durante os meses de maio e xuño na provincia
- O partido terá lugar  ás 18:30 horas no campo Cantarrana de Viveiro e enfrontará ao Polvorín S.D. e á S.D. Monterroso. O gañador recibirá 5.000 euros e o finalista 3.000

A XXXIV Copa Deputación de Fútbol Memorial Pedro Tapia celebrará a final da categoría afeccionado (Preferente e 1ª autonómica) este domingo no campo Cantarrana do Concello de Viveiro. O organismo provincial inviste nesta iniciativa 100.000 euros, organizando unha nova edición da Copa coa colaboración da Federación Galega de Fútbol. Son uns 15.000 euros máis que nas anteriores edicións pois, en resposta as peticións dos clubes, a institución tamén asume os custos de arbitraxes e desprazamentos.

Como novidade, este ano a competición deportiva reuniu a equipos de todas as categorías a nivel provincial co obxectivo de promover e impulsar o fútbol base lucense. Para facer máis dinámica a Copa Deputación de Fútbol, o sistema de competición foi a partido único ata a final.

A final disputarase o domingo ás 18:30 horas no campo Cantarrana en Viveiro, e enfrontará ao Polvorín S.D. e á S.D. Monterroso. O gañador recibirá 5.000 euros e o finalista 3.000 euros.