Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación asume os 250.000 euros que se negou a dar a Xunta para mellorar o saneamento de Guitiriz

- Campos, Polín e Marín asinaron este xoves o convenio de colaboración para substituír e soterrar a tubaxe que vai ao longo do río Veiga con máis de 1 millón de euros
- A Confederación comprometera 800.000 euros, que recortou aos 570.000 euros. A Xunta negouse a conceder a cantidade que faltaba, que asume o Goberno da Deputación
-  O Presidente lembrou que “ainda que a Deputación non debería ser, en principio, a administración que estivera neste proxecto, pois non é a responsable dos saneamentos, o importante é que saia adiante, en beneficio dos veciños de Guitiriz”
- A Alcaldesa subliñou que “se non fora pola axuda do Presidente da Deputación, non se podería facer este proxecto. Imos dar saúde á xente e ao medio ambiente, e unha mellor imaxe de Guitiriz porque por esta zona pasa, por exemplo, a Ruta da Auga”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e o Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, asinaron este xoves o convenio de colaboración para mellorar a rede de saneamento no río Veiga, en Guitiriz. Estas actuacións, que arrancarán en outubro, están financiadas con 200.000 euros polo Concello de Guitiriz, con 250.000 euros pola Deputación de Lugo e con 570.000 euros pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O orzamento total é de 1.020.000 euros.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil comprometera o ano pasado unha achega de 800.000 euros para estas actuacións, que consisten na substitución e soterramento da tubaxe que vai ao longo do río Veiga, dende a área dos Sete Muíños e ata a depuradora de Guitiriz, mellorando, deste xeito, o saneamento deste municipio chairego. Dito organismo do Goberno Central decidiu finalmente recortar este investimento en 230.000 euros, achegando, polo tanto, os 570.000 euros citados.

Debido á falta de recursos para levar a cabo estes traballos, o Concello de Guitiriz pediu axuda á Xunta, dirixíndose ao departamento de Augas de Galicia. O Goberno autonómico rexeitou colaborar. Ante esta situación, a Alcaldesa solicitou colaboración ao Goberno da Deputación, que fixo un esforzo inversor, pois conta cun presuposto máis de 100 veces inferior ao da Xunta de Galicia, suplindo, unha vez máis, á administración autonómica, e achegando un total de 250.000 euros para poder mellorar o saneamento do Río Veiga, en Guitiriz.

Campos Conde destacou que “aínda que a Deputación non debería ser, en principio, a administración que estivera neste proxecto porque non somos os responsables dos sistemas de saneamento, o importante é que este proxecto saia adiante, xa que implica a mellora dun servizo básico para os máis de 5.000 veciños de Guitiriz. Desde o punto de vista do medio ambiente, esta actuación é ademais boa, non só para Guitiriz, senón tamén para a provincia de Lugo e para outros Concellos galegos, posto que as augas do Río Veiga desembocan no Miño”.

Polín Rodríguez agradeceu o apoio da Confederación e deulle as gracias ao Presidente da Deputación porque “sempre estivo aí, desde o primeiro momento en que lle dixen que Guitiriz necesitaba eses cartos para poder financiar o proxecto, e se non fora pola  axuda dende a Deputación, este proxecto non sairía adiante”.

Empeño persoal da alcaldesa
A Alcaldesa destacou que a mellora da tubaxe do río Veiga “trátase dun proxecto vital para que os guitiricenses teñan unha rede de saneamento en bo estado” e para evitar contaminacións ao río, que se viñan producindo polo deterioro da actual tubaxe. “Imos dar saúde á xente e ao medio ambiente e, tamén, damos unha mellor imaxe de Guitiriz porque por esta zona pasa, por exemplo, a Ruta da Auga”, apuntou.

Máis colaboracións
A este investimento de 250.000 euros que o Goberno da Deputación achegou a Guitiriz co orzamento de 2016, engádense outros 450.000 euros tamén da pasada anualidade, superando os 700.0000 euros para a mellora de prestacións públicas, servizos sociais e emprego no 2016. Este ano, Guitiriz recibe unha primeira aportación de 400.000 euros a través do Plan Único, que se verán incrementada con vindeiras programacións.