Deputación de Lugo

O Presidente deixa claro que “nós construímos e o PP desprestixia e destrúe”

Imaxe deputación de lugo

O Presidente, Darío Campos Conde, subliñou este mércores que “dende que cheguei á Deputación o que sempre tento facer é construír para mellorar a calidade de vida dos veciños, sacando adiante os proxectos que temos nesta institución, os únicos que hai para a nosa provincia, pois non existe ningún por parte doutras administracións. E mentres o PP só desprestixia, non só a miña persoa, que é evidente, senón á propia Deputación e ás persoas que aquí traballan, que nada teñen que ver co ámbito político. Así o puidemos ver onte no Pleno Provincial onde o PP calumniou a persoal desta institución e impediu a aprobación da concesión do servizo do centro de recría”.

“Creo que o que lle importa aos veciños hoxe é que o centro de recría non está adxudicado porque o PP se opuxo onte, impedindo que estas instalacións empecen a funcionar en xuño, como estaba previsto; que as residencias seguen á espera dos permisos da Xunta do PP para poder abrir, ao igual que o centro de despece de carne da Fonsagrada. Isto é o importante para os nosos veciños”.

Así o manifestou Campos Conde a preguntas dos xornalistas ao respecto da Xunta Xeral de Suplusa deste pasado martes, onde o Goberno Provincial votou a favor do seguinte acordo, que se apunta textualmente: Que a Xunta Xeral da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. se dirixa ao Consello de Administración e ao Sr. Presidente da dita Sociedade para iniciar o cambio da Presidencia da Xunta Xeral e do Consello de Administración de Suplusa”. Todos os membros do Executivo Provincial teñen acordado xa dende o pasado mes de febreiro promover cambios no Consello de Administración de Suplusa, polo que apoiaron esta iniciativa.  

O Presidente explicou que “o acontecido onte non ten maior importancia, máis que a que lle quere dar o Partido Popular para meter cizaña e desprestixiarme a min mesmo e ao traballo que facemos dende a Deputación, cunha actitude que vai máis alá, pois desprestixian aos propios traballadores desta casa. Dende que cheguei á Deputación o que sempre tento facer é construír, sacar adiante os proxectos que temos nesta institución, que son os únicos cos que contan os nosos veciños, pois non hai ningún outro por parte da Xunta ou do Goberno Central, onde goberna o Partido Popular, que, nesta provincia, só se ocupa desprestixiar e destruír, entorpecendo todas e cantas iniciativas poden, como fixeron onte mesmo no Pleno co centro de recría”.

Construíndo cos veciños de toda a provincia
O Presidente fixo estas declaracións antes de presentar o traballo que o Goberno da Deputación levou a cabo con máis de 250 axentes do sector turístico da provincia. Conxuntamente, abordaron as necesidades e potencialidades do turismo en Lugo, que definirán as liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, que se presentará en xuño. “Nós construímos”, apuntou Campos Conde, facendo referencia a este traballo, que é o primeiro e único plan de turismo da provincia de Lugo, pois ningunha otra administración, coas competencias directas no sector, como é a Xunta en Galicia, o fixo nunca.