Deputación de Lugo

Últimos días para concorrer aos descontos do 50% no custo da matrícula da USC, que ofrece o Goberno da Deputación

- Están dirixidos a primeiros alumnos en 10 titulacións do Campus Terra. Os interesados deben formalizar a súa preinscrición, tendo de prazo límite o vindeiro luns, 3 de xullo - O 11 de xullo, publicarase a listaxe de admitidos. Dende o 12 ao 14 de xullo, estará aberto o 1º prazo para formalizar a matrícula e a solicitude do desconto da Deputación

Últimos días para concorrer aos descontos do 50% no custo da matrícula de 10 titulacións do Campus Terra de Lugo, que ofrece o Goberno da Deputación. Están dirixidos a primeiros estudantes na universidade lucense. Os interesados deben formalizar a súa preinscrición, tendo de prazo ata o luns, 3 de xullo. Máis información en www.paraestudarlugo.com; www.usc.es e www.deputacionlugo.gal.

As bolsas coas que o Executivo Provincial financia a metade da matrícula é unha das medidas do Plan de Choque de Deputación e USC para promover o Campus Terra e Lugo como cidade universitaria, ofrecendo facilidades, con independencia da situación familiar, para estudar nun dos mellores centros de ensino de España, tal e como o ratificou o estudo U-ránking 2017. Ao longo do ano, poranse en marcha nova medidas, pois o Goberno da Deputación achega un total de 350.000 euros ao Plan de Choque.

Logo de rematar o vindeiro luns o prazo de preinscrición, o 11 de xullo publicarase a listaxe de alumnos admitidos. O mércores 12, abrirase o primeiro prazo de matrícula a través do NERTA, que estará aberto ata o venres 14 ás 14:00 horas. O segundo período de matrícula abrangue dende o día 19 ata o 21 ás 14:00 horas, e o terceiro dende o 27 ata o 31 de xullo ás 14:00 horas.

Durante ditos prazos de matrícula, ao mesmo tempo que se formaliza a solicitude dunha praza nas 10 titulacións con bolsa, tamén se formaliza a solicitude da beca do Goberno da Deputación. Tan só o ano pasado, o Executivo Provincial asumiu a metade do custo da matrícula duns 270 novos alumnos da USC lucense.

www.paraestudarlugo.com recolle toda os detalles do programa de bolsas; consellos prácticos para elixir Lugo como destino universitario, así como diferentes páxinas coa información completa sobre o Campus Terra da USC: centros e facultades, relación detallada sobre os graos, programas de doutoramento e máster que se ofertan, con especificación do plan de estudos e ligazóns para ampliar ou acceder dun xeito áxil á formalización da matrícula.