Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación mellora con 100.500 euros a estrada que une as Nogais e Triacastela

- O Deputado de Xestión Territorial supervisou as obras de 100.500 euros coa que mellora a estrada LU-P-3702 entre Nullán, nas Nogais, e Lamas en Triacastela
- As obras consisten no aglomerado en quente de 2 quilómetros desta estrada provincial, ademais da ampliación de dúas curvas con zahorra e da limpeza de cunetas
- Co arranxo deste vial benefícianse directamente preto de 300 veciños e ademais impúlsase o sector turístico xa que é a estrada que comunica a casa de turismo rural máis concorrida da zona e ao mesmo tempo dá acceso ao antigo Camiño Real

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, supervisou este luns as melloras nun treito de 2 quilómetros da LU-P-3702, que une Nullán, no Concello das Nogais, con Lamas, en Triacastela. O Goberno da Deputación inviste nestes traballos un total de 100.500 euros.

As obras desta vía lévanse a cabo dende o quilómetro 0,195 ata o 2,200. Consisten na mellora do firme con aglomerado en quente. Para incrementar a seguridade amplíanse dúas curvas moi pechadas con zahorra. Os traballos tamén contemplan a limpeza e a reapertura de cunetas e á sinalización da vía con pintado.

Beneficio para 300 veciños e para o turismo da zona
Co arranxo desta estrada, o Executivo Provincial beneficia directamente a uns 300 veciños desta zona, mellorando a accesibilidade entre os núcleos rurais de Nullán, nas Nogais, e Lamas, en Triacastela.

O sector turístico tamén poderá aproveitar os beneficios desta obra, xa que é a estrada que dá acceso á casa de turismo rural máis concorrida da vila, situada en Chan do Vilar, e ao mesmo tempo comunica co antigo Camiño Real. Esta ruta de sendeirismo, que se denomina Casa da Chancia, conta cun percorridode 8 quilómetros e desemboca ao punto máis alto do municipio, chegando a superar os 1.100 metros de altitude