Deputación de Lugo

Lugo acolle o concerto de música tradicional de 250 alumnos da Tradescola coa que colabora o Goberno da Deputación

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este xoves no concerto de fin de curso da escola de música tradicional Tradescola, que tivo lugar na praza Anxo Fernández Gómez da capital lucense. O Goberno da Deputación colabora coa Asociación de Gaiteiros Galegos que xestiona a Tradescola  para a realización de clases, actividades, obradoiros, audicións e concertos durante todo o ano. No concerto de clausura participaron máis de 250 alumnos e profesores da escola que tocaron con instrumentos como a zanfona, a gaita, o acordeón ou a pandeireta, un repertorio de música tradicional galega. Ademais durante o acto entregáronse os premios aos 10 finalistas do V Certame de debuxo para escolares que organiza Tradescola e co que o Executivo Provincial colabora achegando lotes de libros infantís. A temática desta edición na que participaron preto de 800 alumnos de  1º, 2º e 3º curso de primaria de colexios do Concello de Lugo foi os instrumentos da música tradicional galega. O obxectivo deste evento é que os máis pequenos coñezan e se vaian familiarizando cos instrumentos musicais galegos.