Deputación de Lugo

2 lucenses gañadores dos Premios María Luz Morales  cos que colabora o Goberno da Deputación

-O Executivo Provincial, xunto ás 3 Deputacións premian o labor de cinco novos investigadores galegos nos premios da Academia Galega do Audiovisual
- Cibrán Tenreiro, Noelia Álvarez e Nazaré Estévez, Denisse Lozano e Brais Romero, que recibiu tamén un accesit, recolleron esta mañá na Coruña os primeiros Premios María Luz Morales de investigación audiovisual
- Os premios levan o nome dunha xornalista galega que foi a primeira directora dun xornal diario estatal e que exerceu como crítica, investigadora e colaboradora de producións audiovisuais

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, participou este mércores na entrega de Premios María Luz Morales que tivo lugar na Deputación da Coruña. Fíxoo xunto á Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; ao Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña; ao Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; e aos gañadores deste certame. As 4 Deputacións (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra) colaboran cunha achega económica de 2.000€ para a celebración destes premios para o ano 2017.

Nesta primeira edición do certame recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos. Segundo asegurou esta mañá Margarita ledo, o xurado valorou criterios como a existencia dunha voz propia e a actitude crítica, a independencia profesional, a perspectiva de xénero e a consciencia de pertenza a un determinado país, inspirados pola propia figura de María Luz Morales.

Premiados
O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo.
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.

O coruñés Cibrán Tenreiro gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega (documento), polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.

A lucense Noelia Álvarez e a ourensán Nazaré Estévez recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década (documento), que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.

María Luz Morales
María Luz Morales (A Coruña, 1889 - Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.