Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación mellora con 86.000 euros a estrada que une Torneiros e Hermunde con Pol

- O Presidente e o Alcalde supervisaron as obras na  LU-P-4603, que benefician directamente aos 300 veciños da zona e a ducias de gandeiros do Concello chairego
- É a vía que conecta estes núcleos rurais co centro urbano de Pol. As obras consisten no aglomerado, incremento da sinalización e limpeza de cunetas en 1,5 quilómetros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Pol e Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron os traballos de mellora dun treito de 1,5 quilómetros da estrada LU-P-4603, que une as parroquias de Torneiros e Hermunde co núcleo urbano de Pol. O Goberno da Deputación inviste nestes traballos un total de 86.470 euros.

As actuacións nesta estrada, que se executan dende o quilómetro 3,510 ata o 5,010, comezaron coa limpeza de cunetas e taxeas. Agora estase a acondicionar o firme con aglomerado en quente para, posteriormente, reforzar a sinalización horizontal e vertical.

Campos Conde e Rodríguez Ónega explicaron que estas melloras benefician directamente a 300 veciños das parroquias de Torneiros e Hermunde. Ademais de mellorar a accesibilidade co centro de Pol, beneficiando de xeito significativo aos profesionais do sector gandeiro deste Concello chairego.

Co arranxo desta estrada o Executivo Provincial mellora a accesibilidade entre estes núcleos rurais, vital para poder vivir e traballar no rural. Hai que lembrar que neste concello existen moitos vestixios arqueolóxicos coma, por exemplo, na parroquia de Hermunde. Conta cun castro que data da Idade de Ferro, un cruceiro pero, sobre todo, a Igrexa, que garda a súa famosa lenda do loureiro que coroa este edificio. Esta edificación data de 1.716 e contén retablos dende o Século XVI ao XIX.