Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle mañá o concerto de Xosé Manuel Budiño co MusicAD da Deputación

- Trátase da programación musical de primeiro nivel que o Goberno da Deputación puxo en marcha para ofrecer, durante o mes de marzo, actividades musicais gratis -As entradas para asistir aos concertos son totalmente gratuítas e pódense recoller na propia Capela de Santa María. Máis información no 982210066 - O 18 de marzo actuará o grupo galés Allaw e o 25 de marzo terá lugar o concerto de Davide Salvado e Pedro Pascual, co que se pon fin a esta programación musical

A Capela de Santa María acollerá mañá ás 20:30 horas o concerto de Xosé Manuel Budiño, incluída dentro do MusicAD. Trátase da programación musical totalmente de balde que o Goberno da Deputación decidiu por en marcha para ofrecer durante o mes de marzo concertos gratuítos. Con esta iniciativa, o Executivo Provincial achega aos veciños de Lugo concertos de primeiro nivel totalmente gratuítos. 

As entradas para asistir aos concertos son gratuítas e pódense recoller na propia Capela de Santa María. Máis información no 982210066.

Este sábado será a quenda do compositor Xosé Manuel Budiño, un artista atípico que esperta admiración entre os seus, un creador fascinante que enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos, un músico co seu “sotaque”. As súas creacións, os seus espectáculos en directo son recoñecidos mundialmente pola crítica especializada e afianzados con premios de prestixio entre a profesión.

Resto de programación
- Sábado 18 de marzo: actuará o grupo galés Allaw, composto por Dylan Fowler, Oli Wilson-Dickson e Jamie Smith, que realizarán unha viaxe musical a través da India, Bulgaria é sobre todo das cancións galesas. Desde a elegancia ao virtuosismo, Alaw reflicte unha empatía que vén de moitos anos de traballo conxunto. Dylan e Oliver tocaron xuntos en Szapora e na orquestra Ian McMillan.

- Sábado 25 de marzo: Davide Salvado e Pedro Pascual interpretarán Lobos, o seu último traballo. Davide Salvado é, sen dúbida, unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. Pedro Pascual (acordeón e cordas) é o produtor do último disco de Davide, Lobos. Na actualidade toca no grupo Talabarte e ten una ampla traxectoria en bandas tan coñecidas como Marful.