Deputación de Lugo

Promoción da Festa da Filloa de Muimenta cunha degustación nos xardíns da Deputación

- Os Presidentes da Deputación e da MOEXMU, con membros do Goberno Provincial e da comisión organizadora, participaron na degustación que xuntos organizaron nos Xardíns do Pazo de San Marcos para promocionar a Festa da Filloa de Muimenta - O Goberno Provincial colabora con esta cita con 3.000 euros e levando demostracións artesanais e actuacións musicais. Esta axuda súmase aos 12.000 euros que destinou á MOEXMU, facendo que a Deputación sigue sendo a administración que máis colabora coas citas de maior relevancia en Cospeito - A Xunta neste caso si achega 3.000 euros ao Concello para a Festa da Filloa ao estar declarada Festa de Interese Turístico Galego. O municipio de Cospeito destina 5.000 euros tanto para a organización da MOEXMU e da Festa da Filloa

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente de MOEXMU, Daniel Pollán Cabana, con compañeiros do Goberno Provincial e da comisión organizadora, participaron este venres na degustación que, conxuntamente, organizaron nos Xardíns do Pazo de San Marcos para promocionar a Festa da Filloa de Muimenta, que terá lugar o vindeiro 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López, do Concello de Cospeito.

O Goberno da Deputación colabora con esta cita a través dunha axuda económica de 3.000 euros e levando demostracións artesanais e actuacións musicais. Esta cantidade súmase aos 12.000 que o Executivo Provincial tamén destinou á MOEXMU. Pola súa banda, a Xunta neste caso si achega 3.000 euros ao Concello para a Festa da Filloa ao estar declarada Festa de Interese Turístico Galego. O municipio de Cospeito destina 5.000 euros tanto para a organización da MOEXMU e da Festa da Filloa. Polo tanto, o Goberno da Deputación segue a ser a administración que máis colabora coas citas de maior relevancia de Cospeito. 

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos coa Festa da Filloa de Muimenta, unha celebración consolidada na provincia e declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2008, para impulsar a economía da Terra Chá ao mesmo tempo que promocionamos un dos pratos máis coñecidos da cociña galega. Quero pór en valor a importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia, pois esperase que participen máis de 3.000 persoas nesta XXVI edición. Ademais, hoxe, temos o privilexio de contar con varias filloeiras e ser testemuña da elaboración deste típico doce, de mans de profesionais.”

Durante a xornada do luns, participarán 50 filloeiras e poderanse degustar máis de 17.000 filloas, que se servirán a 3 euros a media ducia, ademais de churrasco, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións de grupos de baile e música; exhibicións de xogos tradicionais; obradoiros de construcións de xoguetes e instrumentos musicais; a entrega de premios da XVIII edición do Concurso de relato e de debuxo da filloa, que conta con máis de 150 traballos presentados; e o pregón por parte da Presidenta da Asociación Española conta o cancro en Lugo, Mari Luz Abella.

Programación
- 9:00 horas:  Apertura do Recinto Feiral Manuel Vila López.
- 13:00 horas: Actuación do grupo de rapaces de pandeireta, organizado pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Colexio de Muimenta.
- 13:15 horas: Actuación do grupo de gaitas en colaboración coa Deputación de Lugo.
- 13:30 horas: Inauguración oficial da XXVI Festa da Filloa de Muimenta.
- 13:40 horas: Lectura do pregón a cargo de Mari Luz Abella, presidenta da Asociación Española Contra o Cancro na Provincia de Lugo.
- 13:50 horas: Entrega de premios aos gañadores do XVIII Concurso de Relato e Debuxo - Filloa 2.017, tanto na modalidade de debuxo coma de relato.
- 14:00 horas: Actuación do dúo musical Charada.
- 14:15 horas: Xantar no Recinto Feiral Manuel Vila López.
- 15:30 horas: Actuación do Grupo de música e baile tradicional de A Pastoriza.
- 16:15 horas: Actividades con cans levadas a cabo por Globos Natura.
- 17:15 horas: Actuación de dúo musical Charada.
- 17:30 horas: Actuación de baile tradicional do Grupo de baile de Bendeitamos de Muimenta, xunto coas gaiteiras Sandra e Cristina.
- 19:30 horas: Clausura da XXVI Festa da Filloa