Deputación de Lugo

O XIV Clinic Lugo é Básket Hierros Ferreiro celebrarase o domingo no Pazo Provincial dos Deportes

Trátase dunha edición especial, que contará cun cartel de luxo, con Lisardo Gómez, Andreu Casadevall, Natxo Lezcano e Paco García como poñentes. A actividade teórico práctica terá lugar entre as 10:30 e as 19:30 horas

O Deputado de Deporte, Pablo Rivera, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e o director deportivo da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, Rubén Engroba, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello de Lugo o XIV Clinic Lugo é Basket Hierros Ferreiro, que se celebrará o vindeiro domingo, no Pazo Provincial dos Deportes.

Miguel Fernández agradeceu o “constante esforzo” da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón para achegar o deporte da canastra á cidadanía de Lugo e indicou que poderá contar coa colaboración do Concello para vindeiras ocasións. O edil subliñou que o Concello está a colaborar con calquera tipo de iniciativa tendente a favorecer a aprendizaxe dos adestradores de Lugo e doutros puntos da xeografía.

Miguel Fernández puxo en valor o cartel de luxo desta edición, pois conta con Lisardo Gómez, Andreu Casadevall, Natxo Lezcano e Paco García, adestradores de recoñecido prestixio, moi vinculados co baloncesto lucense, posto que todos eles ocuparon ou ocupan o banquillo do Breogán.

Pablo Rivera, augurou o mellor dos éxitos a esta edición especial, tendo en conta a alta participación e acollida que acadaron as citas anteriores deste clinic, onde adestradores e xogadores aprenderon coas explicacións dadas polos poñentes de ditas actividades formativas.

O director deportivo da Asociación Xuvenil Sagrado Coracón, Rubén Engroba, expuxo polo miúdo o programa deste clinic, que se desenvolverá do seguinte xeito:

- 10:30h: Recepción e entrega das planiñas do clinic.
- 10:45h: Lisardo Gómez: Defensa de cambios e do mismatch.
- 12:30h. Andreu Casadevall: Actividade defensiva.
- 17:00h: Natxo Lezkano: Xogar chegando como filosofía de xogo.
- 18:45h: Paco García: Construír defensa desde conceptos básicos.

Para tramitar a inscrición, a organización ten a disposición dos interesados a páxina web da asociación Sagrado Corazón ajsclugo@hotmail.com.