Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora na difusión do pasado romano da provincia, editando o libro Clausus est Ianus

- García Porto, xunto aos autores do volume, presentou este xoves no Obradoiro do libro do CENTRAD, o exemplar Clausus est Ianus que edita o Goberno da Deputación
- O libro recolle os contidos do coloquio internacional celebrado na Facultade de Humanidades no ano 2014 e no que participaron 19 investigadores procedentes de Francia, Portugal e distintos puntos de España
- O Executivo Provincial distribuirá o exemplar a Bibliotecas, asociacións e centros culturais da provincia, ademais das Universidades e institucións científicas participantes

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves no Obradoiro do Libro do CENTRAD, o libro Clausus est Ianus. Augusto e a transformación do noroeste hispano, que recolle os contidos do coloquio celebrado na Facultade de Humanidades no ano 2014. Fíxoo xunto aos autores, María Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña. O Servizo de Publicacións da Deputación editou este volume, que distribuirá a Bibliotecas, asociacións e centros culturais da provincia, ademais das Universidades e institucións científicas que participaron, para promocionar e difundir o conxunto de traballos científicos que reúne o libro.

García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación somos conscientes da importancia da investigación histórica, por iso colaboramos con esta iniciativa, editando o libro, co que se dá a coñecer un período fundamental para o asentamento dos romanos, a formación da propia cidade e a evolución castrexa. Quero aproveitar para felicitar aos autores por reunir estes traballos de investigación dos científicos participantes no coloquio internacional Clausus est Ianus

Nas conferencias, nas que participaron 19 investigadores procedentes de Francia, Portugal e distintos puntos de España, ofreceuse unha visión moi ampla dos cambios xerados a partir da época de Augusto, dende a urbanización e a xeografía ata a evolución da paisaxe e o territorio. Clausus est Ianus. Augusto e a transformación do noroeste hispano é o primeiro libro dunha nova colección monográfica, que baixo o título de Philtáte, no futuro dará cabida á publicación de estudos inéditos sobre a antiga Callaecia e Lucus Augusti. O título ven do nome dunha escrava turinesa asentada na cidade de Lugo e cuxa inscrición funeraria conserva o Museo Provincial de Lugo da Deputación.