Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación contribúe coa tradición histórica da Festa do Oso de Salcedo

- O Presidente e o Deputado de Relacións Institucionais participaron este luns nesta cita, que conta cunha achega do organismo provincial de 4.000 euros para a promoción da cultura, identidade e tradición da provincia lucense - Campos Conde destacou que “é importante que dende as institucións colaboremos con este tipo de celebracións para que teñan continuidade no tempo e poñamos en valor a tradición histórica da localidade, ao mesmo tempo que dinamizamos o turismo” - A tradicional cita reúne a máis de 3.000 persoas na parroquia de Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes de Ribeira Sacra

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, participaron este luns na Festa do Oso de Salcedo, que se celebra no Concello da Pobra do Brollón. O organismo provincial colabora cunha achega económica de 4.000 euros para a promoción da cultura, identidade e tradición da provincia lucense.

Campos Conde remarcou que “é importante que dende as institucións colaboremos con este tipo de celebracións para que teñan continuidade no tempo. A Festa do Oso é unha celebración histórica que mantén con vida a tradición e a pequena parroquia de Salcedo e que, ademais, conta con recoñecemento a nivel internacional, pois, existe unha réplica do traxe do Oso de Salcedo no Museo Internacional de la Máscara y el Carnaval de Binche en Bélxica”.

Tradición
A festividade celébrase ano tras ano o luns de Entroido, unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera. Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas á parroquia de Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra.

A tradición di que tras os cantos dos Cegos o Oso de Salcedo, un personaxe vestido con peles e cuberto cunha máscara, persigue aos visitantes tinguíndoos de cinza, barro e carbón. Esta figura ancestral vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan nas súas tarefas, percorrendo todos os recunchos da localidade.