Deputación de Lugo

A Deputación acolle o martes unha xornada informativa sobre taxas ás eléctricas polo uso de dominio público

Imaxe deputación de lugo
- O Goberno Provincial puxo en coñecemento de todos os Alcaldes a celebración desta cita que xorde logo de que o Tribunal Supremo avalara sentenzas para a aplicación dun canon municipal ás compañías eléctricas pola utilización de espazo público
- A xustiza aceptou as taxas que o Concello de Arteixo propuxo cobrar a estas compañías, polo que na xornada participará un butefe de avogados expertos na materia

A Deputación acollerá este martes, ás 17:00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha xornada informativa sobre taxas ás eléctricas polo uso de dominio público. O Goberno Provincial, dende o departamento de Cooperación cos Concellos, puxo en coñecemento de todos os Alcaldes da provincia a celebración desta iniciativa por se fose do seu interese participar.

Esta xornada informativa xorde logo de que o Tribunal Supremo avalara nas últimas datas diversas sentenzas para a aplicación dun canon municipal ás compañías eléctricas pola utilización de espazo público dos Concellos. A comezos de ano, o Supremo aceptou as taxas que o Concello de Arteixo propuxo cobrar a estas compañías, segundo os metros cadrados que utilicen tanto no subsolo con canalizacións, como no aire, con tendidos eléctricos.

Así, na reunión do martes participará un butefe de avogados experto nesta materia. O obxectivo desta reunión é que os municipios lucenses dispoñan de toda a información para poder iniciar, se cabe, os procesos e trámites necesarios para poder facer efectivo o citado gravame.

Importe das taxas
As sentenzas emitidas polo Supremo avalan o cálculo das tarifas da taxa de acordo cun estudo técnico-económico onde se empregan como criterios para obter o seu valor a suma do valor catastral do solo rústico con construcións co valor das instalacións, e a base impoñíbel é resultado de multiplicar ese valor do inmóbel ao coeficiente de relación co mercado e a ocupación en metro cadrado que corresponde a cada metro lineal. Así, a cota a pagar sitúase entre 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalacións de transporte eléctrico, segundo o tipo de tensión –baixa, media ou alta, e no que atinxe ás de transporte de gas, oscila entre os 500 e os 4.000 euros.