Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación potencia a Ribeira Sacra esta fin de semana con 400 reservas nos catamaráns e a Feira de Amandi

Imaxe deputación de lugo
- Dende hoxe e ata o 18 de abril, hai rutas todos os días ás 11:30 e ás 16:00. As reservas en www.reservas.rutasembalses.es e catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Tamén se poden adquirir os billetes na oficina do embarcadoiro de Doade
- O Executivo Provincial puxo a disposición do Concello de Sober unha axuda económica de 6.000 euros para a Feira de Amandi. Son 3.000 euros máis que no 2016. Os Deputados de Turismo e Economía participarán nesta cita de Interese Turístico  

O Goberno da Deputación potencia a Ribeira Sacra esta fin de semana coas rutas fluviais, para as que hai feitas polo de agora 400 reservas para sábado e domingo, e coa Feira do Viño de Amandi, para a que puxo a disposición do Concello de Sober unha axuda económica de 6.000 euros a través do Plan Único, sendo 3.000 euros máis que no 2016.

Dende hoxe e ata 16 de abril, o Executivo da Deputación ofrece rutas fluviais todos os días, unha ás 11:30 e outra ás 16:00 horas, tendo en conta a afluencia de visitantes con motivo da Semana Santa. As reservas poden facerse en www.reservas.rutasembalses.es e catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Tamén se poden adquirir os billetes na oficina que se habilitou no embarcadoiro de Doade, que conta con profesionais especializados para ofrecer información sobre todos os recursos turístico da provincia.

Os catamaráns ofrecen aos viaxeiros dúas rutas, a o “Canón do Sil”, de Santo Estevo ata o Mosteiro de Santa Cristina, con embarcadoiro en Doade; e a “Ruta do Cabo do Mundo”, no río Miño, con embarcadoiro en Belesar, no Concello do Saviñao.

O Goberno da Deputación arrincou a tempada de navegación arrincou o pasado 1 de abril, poñendo fin ao bloqueo do PP á mesma. Pola de agora, hai unhas 7.000 reservas para todo o ano, 2.000 das mesmas para abril.

Feira do Viño de Amandi
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, participarán este domingo en Sober na Feira do Viño de Amandi. O Goberno Provincial puxo a disposición do Concello unha axuda económica para a celebración desta cita de 6.000 euros a través do Plan Único. Son 3.000 euros máis que no 2016. Faino dentro da súa aposta pola promoción dos produtos autóctonos para xerar riqueza na provincia como atractivo turístico. A Feira do Viño de Amandi, que chega á súa 37 edición, foi declarada de Interese Turístico no ano 2000. Nesta edición, participan na parte expositiva 25 adegas. Ademais, hai catas e actuacións musicais.