Deputación de Lugo

O PP de Candia retira a súa proposta de regulamento tras facer perder tempo e cartos á Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Este luns celebrouse o Pleno Extraordinario do Partido Popular, cumprindo coa normativa, pois o Presidente antepuxo a sesión plenaria da aprobación do Orzamento - Contradicións entre as palabras e os feitos: o PP fala de consenso cando tentou impoñer un ROG; e defende un grupo de traballo, que se opuxo a facer en decembro

A Deputación celebrou este luns un Pleno Extraordinario a proposta do PP, pois dita formación política rexistrou o pasado 17 de febreiro a solicitude desta sesión plenaria. Transcorridos os prazos legais para a súa convocatoria, esta tivo lugar no día de hoxe, atendendo á normativa vixente. O Presidente, Darío Campos Conde, non adiantou a celebración deste Pleno, pois antepuxo a aprobación do Orzamento da Deputación para 2017, convocando para elo un Pleno Extraordinario, que tivo lugar o 14 de marzo.

O Artigo 89 do Regulamento Orgánico da Deputación establece que “... no caso de solicitude de pleno extraordinario pola cuarta parte dos deputados provinciais, se o presidente/a non convocase o Pleno extraordinario solicitado, quedará convocado automaticamente para o décimo día hábil seguinte ao de finalización do prazo sinalado no artigo anterior, ás doce horas”. Pódese contrastar esta información en http://bit.ly/2o0kJIk

O Partido Popular decidiu finalmente retirar a súa proposta de Regulamento Orgánico (ROG) para a Deputación, que era o único punto da orde do día do seu Pleno Extraordinario, facendo perder tempo e cartos públicos á institución. No caso do Goberno, o único membro que tiña dereito a percibir dieta pola súa asistencia, renunciou á mesma.

Contradicións de Candia
As palabras da voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, durante a sesión plenaria contradícense cos seus feitos, chegando a incorrer na mentira:

1.- Candia defendeu o “consenso e o diálogo” para a modificación do ROG. Sen embargo, tentou impoñer un texto sen ter en conta ás aportacións dos demais grupos políticos na Corporación Provincial, presentando hoxe a proposta exclusivamente do Partido Popular.

Non é a primeira vez, que esta formación política impón un Regulamento Orgánico, pois así o fixo no ano 1986. En contraposición, a proposta dun Presidente do PSOE na Deputación, creouse unha comisión especial coa representación de todas as formacións políticas na Corporación Provincial, que, conxuntamente, elaborou un novo ROG, aprobado por unanimidade definitivamente no 2011, tras reunións e traballo en equipo.

2.- Candia defendeu hoxe, por primeira vez, a creación dunha comisión de traballo, e ata animou ao Presidente a convocala. Estas palabras distan moitos dos seus feitos, pois no Pleno do 29 de decembro de 2016, cando o Goberno da Deputación lle propuxo crear este grupos de traballo, o PP de Candia dixo non. Pódese contrastar esta información en http://bit.ly/2n9z0i7.

O Goberno da Deputación segue a defender un ROG consensuado por todos os grupos políticos, que sexa aprobado pola unanimidade dos mesmos como o foi o actual, pois é o documento normativo que rexe o funcionamento da institución agora e no futuro, condicionando, polo tanto, a este e outras Corporacións Provinciais.