Deputación de Lugo

A Xunta de Galicia oponse á equiparación salarial dos bombeiros lucenses, que defende o Goberno da Deputación

- Así llo trasladou o Vicepresidente da Xunta a Campos Conde, apuntando que rexeita a posibilidade de achegar os 330.000 euros que lle corresponden para poder igualar os soldos, e que o Goberno da Deputación xa ten comprometidos - Campos Conde destacou que “queremos que o PP se aclare, pois en Lugo defenden unha cousa pero en Santiago votan o contrario. O PP de Lugo asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que os seus compañeiros na Xunta non ían cumprilos” -  O Executivo Provincial conta con informes xurídicos e económicos nos que se apunta a viabilidade do cambio de modelo cara unha xestión completamente pública

A Xunta de Galicia oponse á equiparación salarial dos parques provinciais de bombeiros de Lugo, que defende o Goberno da Deputación. Así o informou o Presidente, Darío Campos Conde, este xoves na rolda de prensa posterior ao encontro que o titular provincial lucense, xunto ao Presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; e ao Deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López; mantiveron co Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, para estudar a situación dos parques provinciais de bombeiros galegos; así como o cambio do modelo de xestión cara o público, tal e como avogan os 3 organismos provinciais.  

Campos Conde trasladoulle ao Vicepresidente a necesidade de igualar os soldos dos profesionais que prestan o servizo contra incendios na provincia de Lugo, aos de Ourense pois “é de xustiza que polo mesmo traballo e as mesmas responsabilidades, mesmo soldo”. É importante subliñar que estes profesionais cobran 3.000 euros menos que os do resto de Galicia cando fan o mesmo traballo; uns 18.000 euros ao ano. 

O Presidente destacou que Rueda rexeitou completamente a posibilidade de achegar os 330.000 euros que lle corresponde á Xunta de Galicia por participar ao 50% no Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, e que o Goberno da Deputación xa ten comprometidos no orzamento 2017. Campos Conde destacou que “queremos que o Partido Popular se aclare, pois en Lugo defenden unha cousa pero en Santiago votan o contrario. É o dobre xogo ao que nos teñen acostumados. O PP de Lugo asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que os seus compañeiros na Xunta non ían cumprilos”.

“Que se deixen de confundir e enganar á xente, facendo ver que defenden esta equiparación salarial na Deputación de Lugo, cando é a administración que si cumpriu cos bombeiros; e que defendan o mesmo ante a Xunta de Galicia, na que goberna o PP, que continúa a bloquear esta xusta equiparación salarial, que si fixeron na provincia de Ourense pero non na de Lugo”.

Modelo de xestión
No que ao cambio de modelo de xestión se refire, as 3 administracións provinciais son as que levan traballado durante máis dun ano na elaboración de senllos informes técnicos e xurídicos que garantan a viabilidade do modelo público, tal e como reclama o Goberno Galego. O titular provincial avanzou que a de Lugo, conta xa con ambos informes nos que se apunta a viabilidade do cambio tanto a nivel técnico-xurídico; como a económico podendo ser, incluso, máis barato.

Rueda Valenzuela emprazou unha vez máis ás Deputacións interesadas a que aproben un acordo no que se comprometan, entre outros, a asumir na súa totalidade o hipotético incremento no custe do servizo, pero que de haber baixada, deberá repercutir na achega que lle corresponde á Xunta de Galicia; ou a asumir os posibles gastos derivados das reclamacións laborais dos profesionais dos parques de bombeiros galegos.

Os representantes das 3 administracións provinciais que participaron neste encontro, apuntaron que trasladarán dito acordo aos técnicos das respectivas administracións para valorar xuridicamente a proposta do Goberno Galego.