Deputación de Lugo

Os veciños de Folgoso do Courel e Portomarín terán centros para maiores por iniciativa do Goberno Provincial

Imaxe deputación de lugo
- Santos Ramos criticou a “falta de rigor nas informacións que o Partido Popular traslada aos medios de comunicación, que só buscan confundir aos veciños da provincia”
- Foi o Presidente da Deputación o que decidiu executar estes dous proxectos; por iso levou ao Pleno a modificación de crédito que habilita fondos para poder levalos a cabo
- En Folgoso do Courel, o proxecto nace dunha moción dos socialistas no Concello, que se trasladou a Deputación. A Alcaldesa non conseguiu inversión para a residencia durante a etapa de Candia porque non era un proxecto que ela demandase
- En Portomarín, o único documento existente era un protocolo asinado entre Candia como Presidenta de SUPLUSA e o Alcalde, que non ten ningún tipo de validez

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, valorou este venres a postura tendenciosa que o Partido Popular de Lugo ten en relación ás residencias para maiores e pisos tutelados de Folgoso do Courel e Portomarín. Santos Ramos destacou que “despois de non ter feito absolutamente nada para que estes dous investimentos sexan unha realidade, pretenden facer súa unha iniciativa que é do Presidente”.

Santos Ramos explicou que “a falta de rigor nas informacións que o Partido Popular traslada aos medios de comunicación, só buscan confundir a cidadanía, facéndolles crer que os proxectos que saca adiante o Presidente da Deputación na nosa provincia, son iniciativa dos populares, cando a realidade é xustamente a contraria”.
 
En relación aos pisos tutelados de Portomarín, o voceiro explicou que “o único avance que houbo ata que Campos Conde chegou ao Goberno da Deputación foi a sinatura dun protocolo inútil entre Candia, como Presidenta de SUPLUSA, e o Alcalde de Portomarín. Este é un documento que non ten valor xurídico ningún, porque SUPLUSA non ten capacidade para asinar directamente con ningún Concello nin convenios, nin protocolos. Isto significa que non existía compromiso entre esta entidade e o Concello para executar o proxecto. Isto é, unha vez máis, un brindis ao sol”.

“Foi Darío Campos quen, cando chegou á Presidencia da Deputación, decidiu pórse en contacto co Concello de Portomarín para sacar adiante o proxecto dos pisos tutelados, que se materializou coa modificación de crédito que aprobamos no pasado Pleno, habilitando unha liña de 500.000 euros para que a Deputación, gobernada por Darío Campos, inicie as obras de execución dos centros tutelados de Portomarín”.

En relación a Folgoso do Courel, Santos Ramos destacou que “a situación aínda é peor, pois a día de hoxe, non hai nada. A Alcaldesa nin tan sequera conseguiu asinar un protocolo inútil como o de Portomarín. É máis, do reparto dos 5 millóns de euros que fixo Candia con 18 Concellos do Partido Popular, non había nin un só euro para a residencia da terceira idade, e non o había porque este non era un proxecto que reclamase a Alcaldesa. Esta residencia nace dunha moción presentada polos socialistas de Folgoso do Courel que, posteriormente, se trasladou á Deputación; así como dun compromiso que o propio Presidente adquiriu cos veciños de Folgoso do Courel”.

Santos Ramos criticou tamén que “o PP intente, primeiro, bloquear os investimentos que o Goberno da Deputación fai na nosa provincia e, cando se materializan, buscan colgarse o mérito”.