Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación dota dun novo alumeado aos 140 veciños do barrio de Pénjamo en Viveiro

Imaxe deputación de lugo
- Faino con 33.000 euros do Plan de Aforro Enerxético cos que se instalarán 8 novas luminarias de baixo consumo nas rúas Vicente Fanego e Alfonso Fernández Rivas - Con esta mellora, o Executivo aforra custos ao Concello, uns 145 euros ao ano, e conséguese unha redución do consumo enerxético de 33 Kwh/ano - O Goberno Provincial financia con 40.000 euros melloras nos accesos á praia de Area, que están a piques de rematar; así como nos do colexio e Igrexa de Cova 

O Deputado de Innovación, Participación Cidadá Mocidade e Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, mantiveron este venres un encontro cos veciños do núcleo urbano viveirense de Pénjamo, no que o Executivo Provincial achegou 33.000 euros para crear unha nova rede de alumeado público.

Son actuacións nas rúas Vicente Fanego e Alfonso Fernández Rivas, das que se beneficiarán os máis de 140 veciños que viven en toda a zona e que consisten na dotación de 8 novos puntos de luz exterior. Son luminarias de baixo consumo que dispoñen de equipos electrónicos, dotados con protección para a sobre tensión. Con esta mellora afórranse custos ao Concello, uns 145 euros ao ano, e conséguese unha redución enerxética de 33 Kwh/ano. O prazo de execución remata a finais deste mes.

Rivera Capón remarcou que esta actuación está dentro do Plan de Aforro Enerxético que impulsou o Goberno da Deputación, dotada de 1,5 millóns de euros do organismo provincial. Faino para reducir os gastos correntes aos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes a través de melloras en alumeados públicos, instalación de caldeiras da biomasa ou illamentos térmicos .

Melloras en accesos
Rivera Capón e Loureiro García achegáronse, ademais, á Praia de Area, onde se están a executar melloras no seu acceso que financia o Goberno da Deputación. Os traballos, que están a piques de rematar, consisten, fundamentalmente, na mellora do firme con aglomerado en quente; ademais da limpeza de cunetas.  A praia de Area é unha das máis importantes do Concello e conta con bandeira azul.
Son preto de 1.200 metros de praia de area fina que, durante os meses de verán, se enche de centos de veciños e tamén turistas, para desfrutar deste espazo natural único e realizar, entre outras, actividades deportivas acuáticas.

O Executivo Provincial financia tamén melloras no firme dos accesos ao colexio e á Igrexa de Covas que comezarán, previsiblemente, nas vindeiras semanas. O Goberno da Deputación achegou un total de 40.000 euros para financiar ambas as dúas actuacións.