Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora co Maratón de Tenis de Mesa e o IX Trofeo Concello de Vicedo

- O venres 18 terá lugar o Maratón de Tenis de Mesa e o sábado 19 o IX Trofeo cuadrangular de fútbol do Concello. O organismo provincial colabora na organización de ambas citas, fomentando o deporte e dinamizando a actividade do municipio - Rivera Capón subliñou que “con estas dúas actividades reforzamos a oferta de ocio do Concello do Vicedo, ofertando unha alternativa lúdica e deportiva ao turismo de sol e praia no mes de agosto, promovendo así mesmo un estilo de vida saudable” - O prazo de inscrición para participar no Maratón de Tenis de Mesa está aberto ata o xoves 17 ás 15:00 horas na Casa da Cultura. O torneo de fútbol reunirá aos equipos: Celeiro Club del Mar, Unión Deportiva Folgueiro, CD Candelaria e CD Roupar

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde do Vicedo, José Jesús Novo Martínez, a Tenente de Alcalde, María Pilar Otero Ínsua, e o voceiro socialista, Vicente Parapar, presentou este venres no municipio mariñán o Maratón de tenis de mesa e o IX Trofeo Concello de Vicedo de fútbol, que se celebrarán os días 18 e 19 de agosto, respectivamente. O organismo provincial colabora na organización destas dúas citas deportivas cunha achega de 850 euros, fomentando o deporte e dinamizando a actividade do Concello durante a fin de semana.

Rivera Capón subliñou que “con estas dúas actividades reforzamos a oferta de ocio do Concello do Vicedo, ofertando unha alternativa lúdica e deportiva ao turismo de sol e praia no mes de agosto, promovendo así mesmo un estilo de vida saudable. Facémolo ademais apostando por unha modalidade minoritaria como é o tenis de mesa e cun torneo de fútbol cuadrangular que xa se ten consolidado na mariña occidental”.

Maratón de tenis de mesa
O Maratón de Tenis de Mesa do Vicedo terá lugar o día 18 de agosto, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura do municipio. O evento está dirixido a xogadores maiores de 14 anos e o prazo de inscrición estará aberto ata o xoves día 17 ás 15:00 horas na propia Casa da Cultura. Cobrarase un prezo mínimo de 3 euros e haberá premios para os tres primeiros clasificados, que consistirán en diferentes produtos tecnolóxicos.

IX Trofeo Concello de Vicedo
Por outra banda, o IX Trofeo Concello de Vicedo celebrarase o día 19, a partir das 17:00 horas, no Campo de Fútbol de Boa Vista, e contará con formato de cuadrangular. Deste xeito, os equipos participantes serán: Celeiro Club del Mar, Unión Deportiva Folgueiro, Club Deportivo Candelaria e Club Deportivo Roupar.

Cada encontro terá unha duración de 45 minutos e disputaranse de maneira consecutiva dende as 17:00 ata as 21:00 horas, momento no que terá lugar a entrega de premios e trofeos, cedidos pola Deputación e o Concello.