A Deputación e a asociación Impulsora do Plan Lugo inician camiños de colaboración complementarios ó Plan Estratéxico da provincia
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_2833_1.jpg)
Gómez Besteiro reuniuse cos integrantes da asociación na que foi a primeira reunión institucional da entidade O Plan Estratéxico segue os programas que contempla o Obxectivo Converxencia da UE co obxectivo de captar recursos económicos de Europa O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este xoves con representantes da asociación Impulsora do Plan Lugo, creada recentemente e que ten por obxectivo a cualificación para toda a provincia como zona de industrialización prioritaria por parte da Unión Europea. Neste senso, o organismo provincial e a asociación inician camiños de colaboración complementarios ó Plan Estratéxico da provincia para o periodo 2008-2013, que están a elaborar conxuntamente o organismo provincial e o Centro de Investigación Económica e Financieira da Fundación Caixa Galicia. O máximo mandatario provincial agradeceu que a asociación mantivese coa Deputación a súa primeira reunión oficial. Asimesmo, destacou que iniciativas como a que puxeron en marcha a Cámara de Comercio e os Sindicatos sempre terán o 100% do noso apoio porque son complementarias do Plan que estamos a elaborar con Caixa Galicia, e que inicia o seu camiño no mes de abril con distintas mesas sectoriais. Nós queremos sumar e non restar. Pola súa banda, o vicepresidente 2º da Cámara de Comercio de Lugo, Jesús Pernas, agradeceu a predisposición do organismo provincial e trasladoulle a Gómez Besteiro as principais liñas de actuación que seguirá a asociación no futuro. O Presidente foi receptivo desde o punto de vista personal e institucional. Precisamos do apoio das institucións para conseguir liñas de axudas especiais para esta provincia e unha cualificación de investimento empresarial en Lugo. Queremos acadar o marco económico necesario para que a provincia resulte atractiva tanto para empresas luguesas como foráneas. Lugo ten que estar na mesma situación que outras comarcas como Ferrol, Eume, Ortegal, Soria ou Teruel. O Presidente da Deputación avanzou tamén que xa está rematada a primerira fase do Plan, que consiste na elaboración dunha diagnose pormenorizada e territorializada de asuntos de gran calado como a economía da provincia, demografía, mercado de traballo, infraestruturas, servizos e equipamentos sociais, ordenación do territorio, etc. Esta diagnose someterase a análise, a partir do próximo mes, nas 18 mesas sectoriais integradas por todos os axentes socio-económicos da provincia, que avaliarán a situación na que se atopa Lugo para captar futuros investimentos. Entre administracións públicas, Universidade, Sindicatos, organizacións empresariais, etc participarán directamente máis de 300 persoas nesta fase do plan estratéxico. O Plan nace coa vocación de ser unha foto de toda a provincia que permita canalizar investimentos en Lugo, polo que determinará as fortalezas e as debilidades de todo o territorio, engadiu Besteiro. Unha vez concluída esta fase, que ten unha duración estimada de dous meses, procederase á redacción final do Plan e a súa posta en marcha coa participación de todos os implicados. O Plan Estratéxico segue un referente prioritario: a política rexional da Unión Europea, e concretamente os eixos dos programas que desenvolven ó abeiro do Obxectivo Converxencia. Isto é o que antes se denominaba Rexión 1, é dicir, aquelas Comunidades que tiñan un Producto Interior Bruto inferior ó 25% da media, as menos desenvolvidas de Europa. O feito de que Galicia fose incluída neste obxectivo representa a derradeira oportunidade para captar os recursos económicos de Europa, que servirán para impulsar a economía provincial. Traballo e Agroindustria Os encontros sectoriais de abril comezarán coa celebración dunha mesa de debate sobre Demografía e Mercado de Traballo. A análise realizada ata o momento aborda de maneira exhaustiva a estrutura por idades, a distribución espacial e os fluxos migratorios ou o comportamento do mercado laboral. A segunda mesa sectorial abordará a análise do complexo Agroindustrial da provincia, o piar desta provincia que está claramente condicionado por un forte proceso de avellentamento da poboación agraria. O informe céntrase nas producións agrícolas e gandeiras, no emprego, na utilización da terra, a situación da agroindustria, os retos e medidas de actuación. Nas 16 mesas restantes analizarase a diagnose relizada para outros sectores como o forestal, pesca e marisqueo, industria, industria da construción, comercio, turismo, etc), as infraestruturas (abastecemento e saneamento, infraestruturas viarias, ferrocarril e transporte público, portos, sociedade da información), os servizos e equipamentos sociais, o medio natural e a ordenación do territorio.