Deputación de Lugo

A Deputación e a asociación Impulsora do Plan Lugo inician camiños de colaboración complementarios ó Plan Estratéxico da provincia

En abril comezarán as 18 mesas sectoriais integradas por todos os axentes socio-económicos da provincia que avaliarán a situación na que se atopa Lugo e servirán para redactar o documento final do Plan Estratéxico

Gómez Besteiro reuniuse cos integrantes da asociación na que foi a primeira reunión institucional da entidade O Plan Estratéxico segue os programas que contempla o Obxectivo Converxencia da UE co obxectivo de captar recursos económicos de Europa O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este xoves con representantes da asociación Impulsora do Plan Lugo, creada recentemente e que ten por obxectivo a cualificación para toda a provincia como zona de industrialización prioritaria por parte da Unión Europea. Neste senso, o organismo provincial e a asociación inician camiños de colaboración complementarios ó Plan Estratéxico da provincia para o periodo 2008-2013, que están a elaborar conxuntamente o organismo provincial e o Centro de Investigación Económica e Financieira da Fundación Caixa Galicia. O máximo mandatario provincial agradeceu que a asociación mantivese coa Deputación a súa primeira reunión oficial. Asimesmo, destacou que “iniciativas como a que puxeron en marcha a Cámara de Comercio e os Sindicatos sempre terán o 100% do noso apoio porque son complementarias do Plan que estamos a elaborar con Caixa Galicia, e que inicia o seu camiño no mes de abril con distintas mesas sectoriais. Nós queremos sumar e non restar”. Pola súa banda, o vicepresidente 2º da Cámara de Comercio de Lugo, Jesús Pernas, agradeceu a predisposición do organismo provincial e trasladoulle a Gómez Besteiro as principais liñas de actuación que seguirá a asociación no futuro. “O Presidente foi receptivo desde o punto de vista personal e institucional. Precisamos do apoio das institucións para conseguir liñas de axudas especiais para esta provincia e unha cualificación de investimento empresarial en Lugo. Queremos acadar o marco económico necesario para que a provincia resulte atractiva tanto para empresas luguesas como foráneas. Lugo ten que estar na mesma situación que outras comarcas como Ferrol, Eume, Ortegal, Soria ou Teruel”. O Presidente da Deputación avanzou tamén que xa está rematada a primerira fase do Plan, que consiste na elaboración dunha diagnose pormenorizada e territorializada de asuntos de gran calado como a economía da provincia, demografía, mercado de traballo, infraestruturas, servizos e equipamentos sociais, ordenación do territorio, etc. Esta diagnose someterase a análise, a partir do próximo mes, nas 18 mesas sectoriais integradas por todos os axentes socio-económicos da provincia, que avaliarán a situación na que se atopa Lugo para captar futuros investimentos. Entre administracións públicas, Universidade, Sindicatos, organizacións empresariais, etc participarán directamente máis de 300 persoas nesta fase do plan estratéxico. “O Plan nace coa vocación de ser unha foto de toda a provincia que permita canalizar investimentos en Lugo, polo que determinará as fortalezas e as debilidades de todo o territorio”, engadiu Besteiro. Unha vez concluída esta fase, que ten unha duración estimada de dous meses, procederase á redacción final do Plan e a súa posta en marcha coa participación de todos os implicados. O Plan Estratéxico segue un referente prioritario: a política rexional da Unión Europea, e concretamente os eixos dos programas que desenvolven ó abeiro do Obxectivo Converxencia. Isto é o que antes se denominaba Rexión 1, é dicir, aquelas Comunidades que tiñan un Producto Interior Bruto inferior ó 25% da media, as menos desenvolvidas de Europa. O feito de que Galicia fose incluída neste obxectivo representa a derradeira oportunidade para captar os recursos económicos de Europa, que servirán para impulsar a economía provincial. Traballo e Agroindustria Os encontros sectoriais de abril comezarán coa celebración dunha mesa de debate sobre Demografía e Mercado de Traballo. A análise realizada ata o momento aborda de maneira exhaustiva a estrutura por idades, a distribución espacial e os fluxos migratorios ou o comportamento do mercado laboral. A segunda mesa sectorial abordará a análise do complexo Agroindustrial da provincia, o piar desta provincia que está claramente condicionado por un forte proceso de avellentamento da poboación agraria. O informe céntrase nas producións agrícolas e gandeiras, no emprego, na utilización da terra, a situación da agroindustria, os retos e medidas de actuación. Nas 16 mesas restantes analizarase a diagnose relizada para outros sectores como o forestal, pesca e marisqueo, industria, industria da construción, comercio, turismo, etc), as infraestruturas (abastecemento e saneamento, infraestruturas viarias, ferrocarril e transporte público, portos, sociedade da información), os servizos e equipamentos sociais, o medio natural e a ordenación do territorio.