O LugO2 prevé a creación dunha marca propia de productos autóctonos da rede da Biosfera
O Asesor da Deputación en materia medioambiental, José Rodríguez Coello, expuxo este mércores a liña de promoción e comercialización de produtos autótonos incluída no proxecto europeo LugO2, durante o acto de apertura dunha xornada sobre alimentos ecolóxicos organizada este mércores polo Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL). Rodríguez Coello apuntou que esta actuación ten por obxecto a posta en marcha dunha liña de proxectos destinados á mellora e calidade dos produtos alimentarios autótonos incluídos na área de actuación. Os proxectos de I+D+I están relacionados coas propiedades dos alimentos, os problemas para a súa elaboración e saúde pública. O especialista en medio ambiente tamén avanzou que o LugO2 incidirá na mellora da transformación e comercialización destes produtos a través de medidas de apoio ás cooperativas de agricultura ecolóxica de grande valor engadido, intentando atender a colectivos en risco de exclusión. Ademais, o LugO2 contempla a creación dunha marca propia para os produtos procedentes de reservas da biosfera e dunha rede de distribución propia para estes produtos dando valor a súa procedencia. Tamén se prevé o asesoramento a xoves investigadores para a constitución de empresas de alimentación, apoio ás empresas que xa existen e ós procesos tecnolóxicos máis axeitados para optimizar o produto final, o deseño de sistemas de distribución (catering), asesoramento na posta en marcha de campañas publicitarias de calidade de produtos elaborados, hixiene alimentaria etc., apuntou o Asesor da Deputación.