Deputación de Lugo

O LugO2 prevé a creación dunha marca propia de productos autóctonos da rede da Biosfera

O Asesor da Deputación en medio ambiente presentou a liña de promoción e comercialización de produtos autóctonos nunha xornada organizada polo CETAL

O Asesor da Deputación en materia medioambiental, José Rodríguez Coello, expuxo este mércores a liña de promoción e comercialización de produtos autótonos incluída no proxecto europeo LugO2, durante o acto de apertura dunha xornada sobre alimentos ecolóxicos organizada este mércores polo Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL). Rodríguez Coello apuntou que esta actuación ten por obxecto “a posta en marcha dunha liña de proxectos destinados á mellora e calidade dos produtos alimentarios autótonos incluídos na área de actuación. Os proxectos de I+D+I están relacionados coas propiedades dos alimentos, os problemas para a súa elaboración e saúde pública”. O especialista en medio ambiente tamén avanzou que “o LugO2 incidirá na mellora da transformación e comercialización destes produtos a través de medidas de apoio ás cooperativas de agricultura ecolóxica de grande valor engadido, intentando atender a colectivos en risco de exclusión”. Ademais, o LugO2 contempla a creación dunha marca propia para os produtos procedentes de reservas da biosfera e dunha rede de distribución propia para estes produtos dando valor a súa procedencia. “Tamén se prevé o asesoramento a xoves investigadores para a constitución de empresas de alimentación, apoio ás empresas que xa existen e ós procesos tecnolóxicos máis axeitados para optimizar o produto final, o deseño de sistemas de distribución (catering), asesoramento na posta en marcha de campañas publicitarias de calidade de produtos elaborados, hixiene alimentaria etc.”, apuntou o Asesor da Deputación.