Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación de melloras en 4 vías provinciais con cargo ó POS por valor de 1,6 millóns

Gómez Besteiro anunciou o acordo en Viveiro, onde comprobou o estado dunha das estradas que a institución luguesa rehabilitará: a que une Ruanova e Muras por Sixto, e que enlaza o municipio vivairense co de Ourol. As obras comezarán nun mes As outras tres estradas que se arranxarán afectan ás localidades de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia, A Fonsagrada e Sarria. En total, a institución actuará sobre 25 quilómetros da rede viaria provincial A Deputación adxudicará en decembro o E-Fácil para poñer en marcha a factura electrónica na organismo provincial e nos Concellos que se sumen ó proxecto a comezos de 2012. Isto permitirá situar o pago ós proveedores da institución en 25 días Manuel Martínez fixo lectura da declaración institucional do Goberno provincial sobre o cese da actividade armada de ETA e avanzou que Besteiro enviou sendas cartas a Zapatero e Pachi López, amosando a satisfacción da provincia ante a apertura dunha nova etapa na democracia do país

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en Viveiro que a Xunta de Goberno aprobou na sesión deste venres a adxudicación de melloras en 4 estradas de titularidade provincial que a institución acometerá con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS) de 2011. O orzamento dos traballos de acondicionamento ascende a 1,6 millóns, financiados ó 50% polo Ministerio de Administración Públicas e a Deputación. Besteiro destacou que con estas actuacións, o organismo provincial aumenta a inversión en obra pública, ó igual que fai co Plan Extraordinario de Obra Pública e as obras do Canon enerxético. Este compromiso “real e visible”, engadiu, contrasta co “freo que están impoñendo á obra pública outras administracións, como a autonómica, que pechan o grifo deixando nunha difícil situación ás ducias de PEMES dedicadas á construción e poñen en perigo centos de postos de traballo”. “Fronte á austeridade empobrecedora que non nos conduce a mirar ó futuro con máis optimismo, a Deputacion mantén o investimento. Hai que cambiar este concepto polo de gasto útil”, subliñou.

Besteiro fixo pública a adxudicación das obras provinciais do POS na cidade do Landro, onde comprobou o estado dunha das vías que será rehabilitada: a que o une Ruanova e Muras por Sixto, e que enlaza o municipio vivariense e o de Ourol, entre os puntos quilométricos 0,000 e 5,150. O investimento será de 271.280 euros e o prazo de execución, de 1,5 meses. As outras tres estradas que se arranxarán son:

- A que vai de Cereixal a Louxas, entre os puntos quilométricos 19,000 e 26,500, e que comunica ós veciños de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada. O orzamento é de 532.100 euros e o prazo de execución, de 3 meses.

- A de Rao por Murias a Valouta, en Navia de Suarna, entre o quilómetro 0,000 e o 7,419. Ten un presuposto de 542.800 euros e acometerase nun prazo de 2,5 meses.

- En Sarria, a vía que discorre entre Mesón de Alvaredo e San Martín de Loureiro, do punto quilométrico 0,000 ó 5,075. Farase unha inversión de 299.491 euros e conta cun prazo de execución dun mes.

As obras, que fundamentalmente consisten na pavimentación con aglomerado e mellora de sinalización e balizamento, comezarán no prazo aproximado dun mes no caso das estradas de Viveiro e Sarria. En canto ás de A Fonsagrada e Navia, as de maior envergadura, o inicio dependerá das condicións meteorolóxicas. As melloras afectan en total a 25 quilómetros da rede viaria provincial.

Servizos básicos para o rural

Do total de 5,5 millóns de euros cos que está dotado o Plan de Obras e Servizos deste ano, 1,6 destínanse a obras provinciais –as adxudicadas hoxe- e os 3,8 millóns restantes a proxectos de competencia municipal. Neste último caso, fináncianse do seguinte xeito: o MAP aporta o 50% (1.919.060 euros), a Deputación o 25% (959.530 euros) e os Concellos o 25% restante (outros 959.530 euros). O POS servirá para dotar de servizos mínimos ós sectores da poboación que carecen deles segundo os déficits contemplados na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, que a Deputación elaborou en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Trátase ademais dun instrumento de cooperación cos municipios, xa que aúna o esforzo entre administracións e dota de servizos mínimos e necesarios ó rural, que os Concellos non poderían asumir por si sós, como a mellora dos accesos a núcleos, pavimentación de rúas, abastecemento de auga, mellora da rede de sumidoiros, alumeado público, e acondicionamento de centros sociais e de instalacións culturais. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos son os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de maneira que tódolos Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros e, para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. Con estes baremos técnicos garántese unha distribución xusta e obxectiva entre os 67 municipios da provincia, con independencia de cores políticas.

107 proxectos en 2010

No conxunto da provincia, o POS de 2010 incluíu un total de 107 obras, das que 81 forman parte do Plan e 26, do Plan Complementario que se leva a cabo cos remanentes do primeiro. No caso das obras da Deputación, incluíronse dúas estradas provinciais: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz, cun presuposto para a súa rehabilitación de 1.156.859 euros, achegados ó 50% por MAP e Deputación; e a segunda, a que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinta, cun investimento de 920.000 euros das dúas administracións.

Mellora de infraestruturas en Viveiro

O Presidente inspeccionou en Viveiro, acompañado do Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, e o Alcalde, Melchor Roel, as obras de reposición da cuberta da casa familiar de Calvo Sotelo, acometidas grazas ó convenio a tres bandas asinado entre Deputación, Xunta e Concello. As actuacións, financiadas con 150.000 euros e xa rematadas, conseguiron frear o continuo deterioro que sufría o edificio a causa das inclemencias meteorolóxicas e que incluso poñía en perigo a integridade da estrutura. O interior deste inmoble, sito no número 23 da Rúa Irmáns Vilar Ponte da cidade vivairense, tamén será rehabilitado co fin darlle unha utilidade pública. Neste caso, o proxecto levarase a cabo precisamente con cargo ó POS 2011. As actuacións, xa adxudicadas por valor de preto de 100.000 euros, comezarán en breve e deberán estar rematadas antes de finalizalo ano.

Besteiro supervisou así mesmo o estado da Biblioteca Municipal tralo seu traslado á antiga Casa Consistorial, na Praza Maior. O acondicionamento das novas instalacións para o servizo de lectura e préstamo de libros acometeuse cos fondos de tres anualidades do POS (as de 2008, 2009 e 2010). A inversión global ascende a 351.850 euros e nestes intres estanse levando a cabo os últimos traballos de mellora das dependencias. A maiores, a biblioteca dotarase nas próximas semanas de mobiliario con 70.000 euros do convenio de Deputación, Xunta e Concello.

Pola súa banda, o rexedor vivariense indicou que non é “unha novidade que o Presidente esté en Viveiro, xa que sempre está atendendo os intereses dos cidadáns da provincia, a diferenza doutras épocas, nas que este Concello non parecía da provincia de Lugo”. Proba do compromiso do organismo provincial coa localidade mariñana, engadiu Melchor Roel, “é que no que vai de ano son xa 15 as obras que van executadas”.

Posta en marcha da factura electrónica

Pola súa banda, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a Deputación adxudicará en decembro o E-fácil, o proxecto de implantación da factura electrónica no organismo provincial e nos Concellos da provincia que se sumen a esta iniciativa, dotada de 312.000 euros co-financiados nun 80% polo Fondo Social Europeo. Isto permitirá que este novo sistema de xestión administrativa esté a pleno rendemento a comezos de 2012, supoñendo a diminución do tempo de pago ós proveedores das entidades locais. No caso da institución provincial, este prazo verase reducido en 10 días, situando en 25 días. A boa xestión levada a cabo nos últimos catro anos permitiu que hoxe a Deputación de Lugo se sitúe á cabeza das administracións que menos tardan no proceso de pagamento, incluso por diante da Xunta, cuxo prazo de pago é de 39 días. Dende 2008 pasouse de pagar nun prazo de 88 días en outubro de 2008 -case 3 meses- a 33/35 días en 2011, anticipándose incluso ós prazos fixados pola Lei contra a morosidade de 2010 que obriga a que as administracións paguen ós proveedores en 50 días. Polo que respecta ás outras Deputacións, a de Pontevedra estao a facer en 60 días -2 meses-, a de Ourense en 120 -4 meses-, e a de Coruña en 32 días.

360.000 euros de aforro ós Concellos

Martínez avanzou ademais, que a institución está a pechar os últimos cursos dirixidas ó persoal das administracións locais da provincia. Trátanse de máis de medio cento de variadas accións formativas para as que a Deputación, xunto ó Goberno Central e a FEGAMP, aportan un total de 357.608 euros que aforran ás arcas municipais. Deste presuposto, a institución provincial achega o 37%, o Ministerio de Administracións Públicas o 59%, e a Federación Galega de Municipios e Provincias a cantidade restante.

O organismo provincial celebrará de aquí a final de ano as primeiras 42 destas xornadas que supoñen máis de 1.000 horas de formación. Destas, máis do 30% baséanse na informática e as novas tecnoloxías co fin de familiarizar ós traballadores das institucións lucenses coa materia, como parte responsable do funcionamento da administración electrónica que vén de implantar a Deputación nos 49 Concellos lucenses que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. O vindeiro luns, 24 de outubro, comezarán os cursos “Planificar, organizar e xestionar con Outlook”, “Prevención de riscos laborais para persoal de obra” e “Como deseñar e dirixir proxectos”. Todas as xornadas acordadas ata o momento poden consultarse na páxina web www.deputacionlugo.com, entrando na área de Goberno Interior e logo no apartado de formación. Neste mesmo espazo, todos os interesados poden ademais descargar o formulario de solicitude que logo deberán enviar por correo electrónico a formación@deputacionlugo.org ou ben entregalo no Rexistro do Pazo de San Marcos para inscribirse.

Outros acordos e declaración institución sobre ETA

A Xunta de Goberno aprobou a encomenda de xestión da Deputación nos 51 Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE para a implantación, explotación e mantemento dos servizos tecnolóxicos que conlevará a segunda parte do programa tecnolóxico. A institución aforrará cartos ás entidades locais, ó asumir a totalidade dos custes que supoñan a mellora do seu equipamento informático, a formación do persoal, a creación de espazos web ou a dotación de banda longa nas Casas Consistoriais mediante os fondos que ven de recibir da Unión Europea e que, con case 15 millóns de euros, converteron ó Innova-TE no 4º proxecto en España co maior investimento.

Na sesión de hoxe, Manuel Martínez deu lectura da declaración institucional do Goberno provincial sobre o abandono da actividade armada da banda terrorista de ETA. Así mesmo, avanzou que o Gómez Besteiro vén de manifestar por escrito, tanto o Presidente do Goberno Central, José Luís Rodríguez Zapatero, como o Lendakari, Pachi López, a satisfacción da provincia de Lugo ante “a apertura desta nova etapa que marca un antes e un despois na democracia do país”.