A Xunta de Goberno aproba a adxudicación de melloras en 4 vías provinciais con cargo ó POS por valor de 1,6 millóns
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en Viveiro que a Xunta de Goberno aprobou na sesión deste venres a adxudicación de melloras en 4 estradas de titularidade provincial que a institución acometerá con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS) de 2011. O orzamento dos traballos de acondicionamento ascende a 1,6 millóns, financiados ó 50% polo Ministerio de Administración Públicas e a Deputación. Besteiro destacou que con estas actuacións, o organismo provincial aumenta a inversión en obra pública, ó igual que fai co Plan Extraordinario de Obra Pública e as obras do Canon enerxético. Este compromiso real e visible, engadiu, contrasta co freo que están impoñendo á obra pública outras administracións, como a autonómica, que pechan o grifo deixando nunha difícil situación ás ducias de PEMES dedicadas á construción e poñen en perigo centos de postos de traballo. Fronte á austeridade empobrecedora que non nos conduce a mirar ó futuro con máis optimismo, a Deputacion mantén o investimento. Hai que cambiar este concepto polo de gasto útil, subliñou.
Besteiro fixo pública a adxudicación das obras provinciais do POS na cidade do Landro, onde comprobou o estado dunha das vías que será rehabilitada: a que o une Ruanova e Muras por Sixto, e que enlaza o municipio vivariense e o de Ourol, entre os puntos quilométricos 0,000 e 5,150. O investimento será de 271.280 euros e o prazo de execución, de 1,5 meses. As outras tres estradas que se arranxarán son:
- A que vai de Cereixal a Louxas, entre os puntos quilométricos 19,000 e 26,500, e que comunica ós veciños de Baralla, Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada. O orzamento é de 532.100 euros e o prazo de execución, de 3 meses.
- A de Rao por Murias a Valouta, en Navia de Suarna, entre o quilómetro 0,000 e o 7,419. Ten un presuposto de 542.800 euros e acometerase nun prazo de 2,5 meses.
- En Sarria, a vía que discorre entre Mesón de Alvaredo e San Martín de Loureiro, do punto quilométrico 0,000 ó 5,075. Farase unha inversión de 299.491 euros e conta cun prazo de execución dun mes.
As obras, que fundamentalmente consisten na pavimentación con aglomerado e mellora de sinalización e balizamento, comezarán no prazo aproximado dun mes no caso das estradas de Viveiro e Sarria. En canto ás de A Fonsagrada e Navia, as de maior envergadura, o inicio dependerá das condicións meteorolóxicas. As melloras afectan en total a 25 quilómetros da rede viaria provincial.
Servizos básicos para o rural
Do total de 5,5 millóns de euros cos que está dotado o Plan de Obras e Servizos deste ano, 1,6 destínanse a obras provinciais as adxudicadas hoxe- e os 3,8 millóns restantes a proxectos de competencia municipal. Neste último caso, fináncianse do seguinte xeito: o MAP aporta o 50% (1.919.060 euros), a Deputación o 25% (959.530 euros) e os Concellos o 25% restante (outros 959.530 euros). O POS servirá para dotar de servizos mínimos ós sectores da poboación que carecen deles segundo os déficits contemplados na Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, que a Deputación elaborou en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Trátase ademais dun instrumento de cooperación cos municipios, xa que aúna o esforzo entre administracións e dota de servizos mínimos e necesarios ó rural, que os Concellos non poderían asumir por si sós, como a mellora dos accesos a núcleos, pavimentación de rúas, abastecemento de auga, mellora da rede de sumidoiros, alumeado público, e acondicionamento de centros sociais e de instalacións culturais. Os criterios aplicados para o reparto dos fondos son os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de maneira que tódolos Concellos reciben un mínimo de 18.000 euros e, para fixar o resto da cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal. Con estes baremos técnicos garántese unha distribución xusta e obxectiva entre os 67 municipios da provincia, con independencia de cores políticas.
107 proxectos en 2010
No conxunto da provincia, o POS de 2010 incluíu un total de 107 obras, das que 81 forman parte do Plan e 26, do Plan Complementario que se leva a cabo cos remanentes do primeiro. No caso das obras da Deputación, incluíronse dúas estradas provinciais: a que vai de Areas, por Oirán, a Ver, e que comunica os Concellos de Mondoñedo, Alfoz e Foz, cun presuposto para a súa rehabilitación de 1.156.859 euros, achegados ó 50% por MAP e Deputación; e a segunda, a que vai de Navia de Suarna por Silvouta a Vilaquinta, cun investimento de 920.000 euros das dúas administracións.
Mellora de infraestruturas en Viveiro
O Presidente inspeccionou en Viveiro, acompañado do Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val Alonso, e o Alcalde, Melchor Roel, as obras de reposición da cuberta da casa familiar de Calvo Sotelo, acometidas grazas ó convenio a tres bandas asinado entre Deputación, Xunta e Concello. As actuacións, financiadas con 150.000 euros e xa rematadas, conseguiron frear o continuo deterioro que sufría o edificio a causa das inclemencias meteorolóxicas e que incluso poñía en perigo a integridade da estrutura. O interior deste inmoble, sito no número 23 da Rúa Irmáns Vilar Ponte da cidade vivairense, tamén será rehabilitado co fin darlle unha utilidade pública. Neste caso, o proxecto levarase a cabo precisamente con cargo ó POS 2011. As actuacións, xa adxudicadas por valor de preto de 100.000 euros, comezarán en breve e deberán estar rematadas antes de finalizalo ano.
Besteiro supervisou así mesmo o estado da Biblioteca Municipal tralo seu traslado á antiga Casa Consistorial, na Praza Maior. O acondicionamento das novas instalacións para o servizo de lectura e préstamo de libros acometeuse cos fondos de tres anualidades do POS (as de 2008, 2009 e 2010). A inversión global ascende a 351.850 euros e nestes intres estanse levando a cabo os últimos traballos de mellora das dependencias. A maiores, a biblioteca dotarase nas próximas semanas de mobiliario con 70.000 euros do convenio de Deputación, Xunta e Concello.
Pola súa banda, o rexedor vivariense indicou que non é unha novidade que o Presidente esté en Viveiro, xa que sempre está atendendo os intereses dos cidadáns da provincia, a diferenza doutras épocas, nas que este Concello non parecía da provincia de Lugo. Proba do compromiso do organismo provincial coa localidade mariñana, engadiu Melchor Roel, é que no que vai de ano son xa 15 as obras que van executadas.
Posta en marcha da factura electrónica
Pola súa banda, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a Deputación adxudicará en decembro o E-fácil, o proxecto de implantación da factura electrónica no organismo provincial e nos Concellos da provincia que se sumen a esta iniciativa, dotada de 312.000 euros co-financiados nun 80% polo Fondo Social Europeo. Isto permitirá que este novo sistema de xestión administrativa esté a pleno rendemento a comezos de 2012, supoñendo a diminución do tempo de pago ós proveedores das entidades locais. No caso da institución provincial, este prazo verase reducido en 10 días, situando en 25 días. A boa xestión levada a cabo nos últimos catro anos permitiu que hoxe a Deputación de Lugo se sitúe á cabeza das administracións que menos tardan no proceso de pagamento, incluso por diante da Xunta, cuxo prazo de pago é de 39 días. Dende 2008 pasouse de pagar nun prazo de 88 días en outubro de 2008 -case 3 meses- a 33/35 días en 2011, anticipándose incluso ós prazos fixados pola Lei contra a morosidade de 2010 que obriga a que as administracións paguen ós proveedores en 50 días. Polo que respecta ás outras Deputacións, a de Pontevedra estao a facer en 60 días -2 meses-, a de Ourense en 120 -4 meses-, e a de Coruña en 32 días.
360.000 euros de aforro ós Concellos
Martínez avanzou ademais, que a institución está a pechar os últimos cursos dirixidas ó persoal das administracións locais da provincia. Trátanse de máis de medio cento de variadas accións formativas para as que a Deputación, xunto ó Goberno Central e a FEGAMP, aportan un total de 357.608 euros que aforran ás arcas municipais. Deste presuposto, a institución provincial achega o 37%, o Ministerio de Administracións Públicas o 59%, e a Federación Galega de Municipios e Provincias a cantidade restante.
O organismo provincial celebrará de aquí a final de ano as primeiras 42 destas xornadas que supoñen máis de 1.000 horas de formación. Destas, máis do 30% baséanse na informática e as novas tecnoloxías co fin de familiarizar ós traballadores das institucións lucenses coa materia, como parte responsable do funcionamento da administración electrónica que vén de implantar a Deputación nos 49 Concellos lucenses que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE. O vindeiro luns, 24 de outubro, comezarán os cursos Planificar, organizar e xestionar con Outlook, Prevención de riscos laborais para persoal de obra e Como deseñar e dirixir proxectos. Todas as xornadas acordadas ata o momento poden consultarse na páxina web www.deputacionlugo.com, entrando na área de Goberno Interior e logo no apartado de formación. Neste mesmo espazo, todos os interesados poden ademais descargar o formulario de solicitude que logo deberán enviar por correo electrónico a formación@deputacionlugo.org ou ben entregalo no Rexistro do Pazo de San Marcos para inscribirse.
Outros acordos e declaración institución sobre ETA
A Xunta de Goberno aprobou a encomenda de xestión da Deputación nos 51 Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron ó Innova-TE para a implantación, explotación e mantemento dos servizos tecnolóxicos que conlevará a segunda parte do programa tecnolóxico. A institución aforrará cartos ás entidades locais, ó asumir a totalidade dos custes que supoñan a mellora do seu equipamento informático, a formación do persoal, a creación de espazos web ou a dotación de banda longa nas Casas Consistoriais mediante os fondos que ven de recibir da Unión Europea e que, con case 15 millóns de euros, converteron ó Innova-TE no 4º proxecto en España co maior investimento.
Na sesión de hoxe, Manuel Martínez deu lectura da declaración institucional do Goberno provincial sobre o abandono da actividade armada da banda terrorista de ETA. Así mesmo, avanzou que o Gómez Besteiro vén de manifestar por escrito, tanto o Presidente do Goberno Central, José Luís Rodríguez Zapatero, como o Lendakari, Pachi López, a satisfacción da provincia de Lugo ante a apertura desta nova etapa que marca un antes e un despois na democracia do país.