Deputación de Lugo

Medio centenar de persoas participa no taller sobre o uso empresarial dos blog organizado por In Lugo

Imaxe deputación de lugo
Os participantes nas xornadas celebradas este sábado nas instalacións do Centro de Innovación Social, posto en marcha pola Deputación, coñeceron como sacarlle o máximo proveito á utilización desta plataformas de Internet no seu negocio In Lugo ofrecerá a próxima semana dous cursos de informática: un entre os días 16 e 19 sobre o programa Open Office, e outro o 18 e o 19, acerca da xestión de datos

Medio centenar de representantes de empresas da provincia de Lugo participaron este sábado no taller “Introdución aos blog dende unha perspectiva emprendedora” organizado polo Centro de Innovación Social In Lugo, o primeiro servizo destas características do noroeste español, que puxo e marcha a Deputación. Os asistentes ás xornadas formativas, celebradas nas instalacións do centro, coñeceron como manexar un blog e como sacarlle o máximo proveito á utilización desta plataformas de Internet no seu negocio, pois son recursos cunha gran capacidade para fidelizar clientes e manter unha interacción continua con eles.

Pedro Silva, o creador de “blogaliza.org”, un dos maiores xestores de blogues de todo o país e o maior dos de idioma galego, e fundador da empresa Algueirada, dedicada á xestión cultural baseada na utilización das novas tecnoloxías, foi o encargado de impartilo curso, totalmente gratuíto para os participantes.

Este obradoiro forma parte do programa formativo e de divulgación organizado por In Lugo, que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías ós lucenses, contribuíndo á eliminar a fenda dixital, evitar o illamento dos veciños da provincia e favorecer o envellecemento activo. As actividades están dirixidas a tódolos públicos, son gratuítas e, ademais de no centro –situado no edificio da Escola de Imaxe e Son-, ofrécense nos concellos.

A vindeira semana haberá dous talleres de informática nas propias instalacións de In Lugo: un sobre o programa OpenOffice entre os días 16 e 19, en horario de 10:00 a 12:00, e outro acerca de xestión de datos o 18 e o 19, de 12:00 a 14:00 horas.