Medio centenar de persoas participa no taller sobre o uso empresarial dos blog organizado por In Lugo
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
Medio centenar de representantes de empresas da provincia de Lugo participaron este sábado no taller Introdución aos blog dende unha perspectiva emprendedora organizado polo Centro de Innovación Social In Lugo, o primeiro servizo destas características do noroeste español, que puxo e marcha a Deputación. Os asistentes ás xornadas formativas, celebradas nas instalacións do centro, coñeceron como manexar un blog e como sacarlle o máximo proveito á utilización desta plataformas de Internet no seu negocio, pois son recursos cunha gran capacidade para fidelizar clientes e manter unha interacción continua con eles.
Pedro Silva, o creador de blogaliza.org, un dos maiores xestores de blogues de todo o país e o maior dos de idioma galego, e fundador da empresa Algueirada, dedicada á xestión cultural baseada na utilización das novas tecnoloxías, foi o encargado de impartilo curso, totalmente gratuíto para os participantes.
Este obradoiro forma parte do programa formativo e de divulgación organizado por In Lugo, que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías ós lucenses, contribuíndo á eliminar a fenda dixital, evitar o illamento dos veciños da provincia e favorecer o envellecemento activo. As actividades están dirixidas a tódolos públicos, son gratuítas e, ademais de no centro situado no edificio da Escola de Imaxe e Son-, ofrécense nos concellos.
A vindeira semana haberá dous talleres de informática nas propias instalacións de In Lugo: un sobre o programa OpenOffice entre os días 16 e 19, en horario de 10:00 a 12:00, e outro acerca de xestión de datos o 18 e o 19, de 12:00 a 14:00 horas.