145 desempregados inícianse no mercado laboral, realizando prácticas en empresas dentro do Pacto Provincial polo Emprego

Un total de 145 participantes do Pacto Provincial polo Emprego iniciaron xa as súas prácticas en distintas empresas da provincia dentro deste programa, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, e co que o organismo provincial está a formar dende o pasado mes de marzo a 576 desempregados da provincia nas profesións con máis futuro en Lugo, que foron previamente diagnosticadas. Deste xeito, logo de rematar a formación teórica, mañá 11 participantes do curso de Operación de auxiliares de fabricación, que se desenvolve en Burela, iniciarán esta segunda parte da formación nas seguintes empresas: Frigomar Burela S.A, Insuíña S.L, e Pescados Rubén S.L.
Asimesmo, dende o venres, 17 de xuño, os beneficiarios desta mesma acción formativa están a desenvolver a parte práctica nos municipios de Castro de Rei e Chantada. Neste caso, as firmas elexidas no municipio chairego son as seguintes: Patatotas S.L, Alimentos Lácteos S.A, Artesanos Gallegos de la Carne S.L. Polo que respecta ós de Chantada, a empresa colaboradora é Lácteos Casa Macán S.L.
En días pasados, fixérono outros 112 participantes dos cursos de Auxiliar de enfermeiría en xeriatría, que se celebra nos municipios de Baralla, Burela, e Chantada; Coidador de discapacitados físicos e psíquicos, en Mondoñedo, Guitiriz e Pobra de Brollón; Atención a enfermos de alzheimer, en Viveiro, Vilalba e Pantón; Monitor sociocultural en Bóveda; e Técnico en transporte sanitario, que se imparte en Foz, Castroverde e Portomarín.
Próximas prácticas
En xullo, a organización do proxecto continuará co programa de prácticas, co que os asistentes teñen a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos durante a formación teórica, aumentando as súas posibilidades de inserción nos nichos de emprego máis demandados. Neste senso, ó longo dese mes, comezarán a parte práctica os asistentes das seguintes accións formativas: Monitor Sociocultural de Lourenzá, Sarria e Bóveda; Monitor de tempo libre infantil e xuvenil da Pontenova, Castro de Rei e Monforte de Lemos; Operacións básicas de pisos e aloxamento, de Viveiro, Rábade e Sober; Atención sociosanitaria en institucións de Burela, Palas de Rei, Sarria, Vilalba e Monforte de Lemos; e Promoción turística e información ó visitante de Mondoñedo e Ribas de Sil.
En agosto, tocaralles ós beneficiarios dos cursos de Atención sociosanitaria a domicilio de Foz, Ribadeo, Viveiro, A Fonsagrada, Becerreá, Monterroso e Chantada; Servizos de Restaurante de Foz, Vilalba e Monforte de Lemos; Promoción turística de Sarria; e Aproveitamentos forestais do Valadouro e Meira. O inicio da parte práctica concluirá o 1 de setembro con esta última acción formativa que se imparte no Concello de Guitiriz.
A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. O Programa inclúe 45 accións formativas relacionadas coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, quenes reciben unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais. En canto a distribución dos participantes, 246 pertencen ós Concellos da zona centro; 192 á Mariña e 138 á zona sur.
Máis formación para a provincia
Un total de 1.600 persoas formalizaron a solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas. Tendo e conta o éxito de convocatoria, a Deputación xa formalizou a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa, a través dun novo proxecto: Pacto polo Emprego 2. Con esta iniciativa, o organismo provincial ten previsto ampliar a formación iniciada polo programa existente para seguir xerando novas oportunidades de emprego nas profesións máis demandadas.
Conta cun orzamento de 5.243.000 euros dos que o Goberno Central aportará o 80%, 4.193.400, e a Deputación o 20% restante, 1.048.600. Dentro desta iniciativa, a Deputación ten previsto ampliar a formación que na actualidade se está a impartir, de tal xeito que serán 1.200 persoas máis as que se beneficiarán da formación, e que se engaden ás 576 que a están recibindo nestes momentos. Ademais facilitarase que os beneficiarios poidan optar á obtención do Certificado de Profesionalidade que concede a Xunta de Galicia e que é imprescindible para moitas profesións.