Deputación de Lugo

145 desempregados inícianse no mercado laboral, realizando prácticas en empresas dentro do Pacto Provincial polo Emprego

Destes, 11 comezarán mañá a parte práctica do curso de “Operacións de Auxiliares de Fabricación” que se desenvolverá en varias empresas de BurelaGrazas á iniciativa da Deputación, os 576 beneficiarios teñen a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos na formación teórica, aumentando as súas posibilidades de inserción nos nichos de emprego máis demandados da provinciaA Deputación ampliará a formación a 1.200 persoas máis coa convocatoria presentada no Ministerio de Política Territorial para poñer en marcha o Pacto polo Emprego 2

Un total de 145 participantes do Pacto Provincial polo Emprego iniciaron xa as súas prácticas en distintas empresas da provincia dentro deste programa, co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, e co que o organismo provincial está a formar dende o pasado mes de marzo a 576 desempregados da provincia nas profesións con máis futuro en Lugo, que foron previamente diagnosticadas. Deste xeito, logo de rematar a formación teórica, mañá 11 participantes do curso de “Operación de auxiliares de fabricación”, que se desenvolve en Burela, iniciarán esta segunda parte da formación nas seguintes empresas: Frigomar Burela S.A, Insuíña S.L, e Pescados Rubén S.L.

Asimesmo, dende o venres, 17 de xuño, os beneficiarios desta mesma acción formativa están a desenvolver a parte práctica nos municipios de Castro de Rei e Chantada. Neste caso, as firmas elexidas no municipio chairego son as seguintes: Patatotas S.L, Alimentos Lácteos S.A, Artesanos Gallegos de la Carne S.L. Polo que respecta ós de Chantada, a empresa colaboradora é Lácteos Casa Macán S.L.

En días pasados, fixérono outros 112 participantes dos cursos de “Auxiliar de enfermeiría en xeriatría”, que se celebra nos municipios de Baralla, Burela, e Chantada; “Coidador de discapacitados físicos e psíquicos, en Mondoñedo, Guitiriz e Pobra de Brollón; “Atención a enfermos de alzheimer”, en Viveiro, Vilalba e Pantón; “Monitor sociocultural” en Bóveda; e “Técnico en transporte sanitario”, que se imparte en Foz, Castroverde e Portomarín.

Próximas prácticas

En xullo, a organización do proxecto continuará co programa de prácticas, co que os asistentes teñen a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos durante a formación teórica, aumentando as súas posibilidades de inserción nos nichos de emprego máis demandados. Neste senso, ó longo dese mes, comezarán a parte práctica os asistentes das seguintes accións formativas: “Monitor Sociocultural” de Lourenzá, Sarria e Bóveda; “Monitor de tempo libre infantil e xuvenil” da Pontenova, Castro de Rei e Monforte de Lemos; “Operacións básicas de pisos e aloxamento”, de Viveiro, Rábade e Sober; “Atención sociosanitaria en institucións” de Burela, Palas de Rei, Sarria, Vilalba e Monforte de Lemos; e “Promoción turística e información ó visitante” de Mondoñedo e Ribas de Sil.

En agosto, tocaralles ós beneficiarios dos cursos de “Atención sociosanitaria a domicilio” de Foz, Ribadeo, Viveiro, A Fonsagrada, Becerreá, Monterroso e Chantada; “Servizos de Restaurante” de Foz, Vilalba e Monforte de Lemos; “Promoción turística” de Sarria; e “Aproveitamentos forestais” do Valadouro e Meira. O inicio da parte práctica concluirá o 1 de setembro con esta última acción formativa que se imparte no Concello de Guitiriz.

A formación está destinada a todos os desempregados da provincia, agás o do Concello de Lugo que ten máis de 5.000 habitantes e o seu propio Pacto. O Programa inclúe 45 accións formativas relacionadas coas áreas sociosanitaria, hostalería, turismo e forestal. Suman máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. A formación ten un custe 0 para os participantes, quenes reciben unha axuda económica equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais. En canto a distribución dos participantes, 246 pertencen ós Concellos da zona centro; 192 á Mariña e 138 á zona sur.

Máis formación para a provincia

Un total de 1.600 persoas formalizaron a solicitude no INLUDES para participar no programa, case o triple das prazas ofertadas. Tendo e conta o éxito de convocatoria, a Deputación xa formalizou a solicitude ante o Ministerio de Política Territorial para acadar novos fondos europeos que permitan dar continuidade a este programa, a través dun novo proxecto: Pacto polo Emprego 2. Con esta iniciativa, o organismo provincial ten previsto ampliar a formación iniciada polo programa existente para seguir xerando novas oportunidades de emprego nas profesións máis demandadas.

Conta cun orzamento de 5.243.000 euros dos que o Goberno Central aportará o 80%, 4.193.400, e a Deputación o 20% restante, 1.048.600. Dentro desta iniciativa, a Deputación ten previsto ampliar a formación que na actualidade se está a impartir, de tal xeito que serán 1.200 persoas máis as que se beneficiarán da formación, e que se engaden ás 576 que a están recibindo nestes momentos. Ademais facilitarase que os beneficiarios poidan optar á obtención do Certificado de Profesionalidade que concede a Xunta de Galicia e que é imprescindible para moitas profesións.