A Deputación impulsa a artesanía local a través da Festa de Artesanía de Ferreira de Pallares
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez e o Vicepresidente, José Ramón Gavieiro Costa presentaron esta mañá nos xardíns do Pazo Provincial a nova edición da Festa de Artesanía que se vai a celebrar o 11 de agosto en Ferreira de Pallares, Guntín. Este evento, que se celebra por noveno ano consecutivo, conta coa colaboración da Deputación, que fai unha achega económica de 2.000 euros e máis leva a cita exhibicións artesanais a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).
A Deputada de Economía manifestou o seu apoio a Festa afirmando que a Feira é unha mostra do saber facer e que a súa continuidade ó longo do tempo así o verifica. Pilar García insistiu en que a institución provincial colaborará activamente neste tipo de iniciativas xa que ademais de crear vínculos culturais comúns para a poboación dos concellos onde se desenvolven tamén contribúen a dinamizar a economía nos días nos que se celebra esta feira.
Vázquez, Presidente da asociación organizadora, aproveitou a oportunidade para agradecerlle á Deputación a súa incondicional colaboración e salientou que a cita pretende incentivar a produción artesanal local que mantén técnicas tradicionais de gran valor etnográfico.
Programación da Xornada
Nesta nova edición, durante toda a mañá os asistentes poderán desfrutar dos produtos e actividades que os 30 artesáns que participan nesta cita, teñen preparados. Posteriormente hai organizada unha degustación gratuíta de filloas. Na última edición, as filloeiras estiveron ó longo de toda a mañá facendo filloas para as máis de 1.000 persoas que se achegaron ata o evento. Sobre ás 13:15 está programada a lectura do pregón, co que quedará oficialmente inaugurado o evento. Nesta ocasión o pregoeiro elixido é o médico do Hospital Universitario Lucus Augusti e profesor da Escola Universitaria de Enfermería da Universidade de Santiago de Compostela o Dr. José Luís Rodríguez López. Cara as 15:00 horas, ofrécese unha comida de confraternización cun menú composto a base de empanada, xamón, polbo e carne. O prezo do xantar é de 21 euros para os socios e de 23 euros para as persoas que non estean asociadas. Para cativos menores de 11 anos o menú terá un prezo de 13 euros. A festa estará amenizada pola charanga da vila Maloserá.
Para asistir ó xantar, é preciso mercar previamente as tarxetas que se poderán atopar en Casa Fidalgo, no Bar Stop ou na Casa Reitoral de Ferreira e só poderán ser mercados ata catro días antes da Feira, o día 7 de agosto.
Nesta ocasión, as persoas que se acheguen ata a vila poderán desfrutar dunha exposición de maquinaria para facer a malla. Poderemos ver a evolución histórica dos do apeiros de labranza que se utilizaban para levar a cabo esta actividade agrícola tan vencellada coa provincia de Lugo. A feira de Artesanía de Ferreira de Pallares Guntín, é un evento organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e no que colaboran activamente a Deputación de Lugo, o Concello de Guntín e o Centrad.