Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a artesanía local a través da Festa de Artesanía de Ferreira de Pallares

A localidade celebrará a Feira o vindeiro día 11 de agosto, que chega á súa novena ediciónA Deputación de Lugo colabora nesta iniciativa coa intención de fomentar os proxectos relacionados coas actividades agrícolas que se desempeñan na zonaOs actos previstos comprenden dende demostracións de artesáns ata obradoiros de cestería que se celebrarán durante toda a maña

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez e o Vicepresidente, José Ramón Gavieiro Costa presentaron esta mañá nos xardíns do Pazo Provincial a nova edición da Festa de Artesanía que se vai a celebrar o 11 de agosto en Ferreira de Pallares, Guntín. Este evento, que se celebra por noveno ano consecutivo, conta coa colaboración da Deputación, que fai unha achega económica de 2.000 euros e máis leva a cita exhibicións artesanais a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).

A Deputada de Economía manifestou o seu apoio a Festa afirmando que “a Feira é unha mostra do saber facer e que a súa continuidade ó longo do tempo así o verifica”. Pilar García insistiu en que a institución provincial colaborará activamente neste tipo de iniciativas xa que “ademais de crear vínculos culturais comúns para a poboación dos concellos onde se desenvolven tamén contribúen a dinamizar a economía nos días nos que se celebra esta feira”.

Vázquez, Presidente da asociación organizadora, aproveitou a oportunidade para agradecerlle á Deputación a súa incondicional colaboración e salientou que a cita pretende incentivar a produción artesanal local que mantén técnicas tradicionais de gran valor etnográfico.

Programación da Xornada
Nesta nova edición, durante toda a mañá os asistentes poderán desfrutar dos produtos e actividades que os 30 artesáns que participan nesta cita, teñen preparados. Posteriormente hai organizada unha degustación gratuíta de filloas. Na última edición, as filloeiras estiveron ó longo de toda a mañá facendo filloas para as máis de 1.000 persoas que se achegaron ata o evento. Sobre ás 13:15 está programada a lectura do pregón, co que quedará oficialmente inaugurado o evento. Nesta ocasión o pregoeiro elixido é o médico do Hospital Universitario Lucus Augusti e profesor da Escola Universitaria de Enfermería da Universidade de Santiago de Compostela o Dr. José Luís Rodríguez López. Cara as 15:00 horas, ofrécese unha comida de confraternización cun menú composto a base de empanada, xamón, polbo e carne. O prezo do xantar é de 21 euros para os socios e de 23 euros para as persoas que non estean asociadas. Para cativos menores de 11 anos o menú terá un prezo de 13 euros. A festa estará amenizada pola charanga da vila Maloserá.
Para asistir ó xantar, é preciso mercar previamente as tarxetas que se poderán atopar en Casa Fidalgo, no Bar Stop ou na Casa Reitoral de Ferreira e só poderán ser mercados ata catro días antes da Feira, o día 7 de agosto.

Nesta ocasión, as persoas que se acheguen ata a vila poderán desfrutar dunha exposición de maquinaria para facer a malla. Poderemos ver a evolución histórica dos do apeiros de labranza que se utilizaban para levar a cabo esta actividade agrícola tan vencellada coa provincia de Lugo. A feira de Artesanía de Ferreira de Pallares – Guntín, é un evento organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e no que colaboran activamente a Deputación de Lugo, o Concello de Guntín e o Centrad.