Aberta a exposición de Cerámica Castrexa na Capela de Santa María

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, xunto co coordinador da investigación, Mario Touceda Torres, inauguraron este xoves a exposición da Fundación Terra Termarum de Castrolandín, que acolle a capela de Santa María, e na que se presenta unha mostra de réplicas de cerámicas que foron atopadas en diferentes lugares da xeografía galega e posteriormente restauradas. Dos 24 xacementos arqueolóxicos, 4 son da provincia de Lugo; no caso de Viladonga nunca antes exposto. Tamén haberá charlas e obradoiros para complementar as pezas que xunto co que tivo lugar servirán como punto de comezo e remate da exposición, pois o día 27, día de peche, haberá outra charla as 20:00 horas onde se ofrecerá unha ampla perspectiva sobre os traballos nos xacementos galegos. Regina Polín salientou que as réplicas que fixeron os investigadores ofrecen unha perspectiva única para entender como era a cerámica galega castrexa ó tempo que nos ofrecen as posibles finalidades destes utensilios, o que facilita enormemente a súa comprensión por parte do público.
Investigación
Este proxecto busca recuperar unha mostra representativa da cerámica dos xacementos arqueolóxicos dos castrexos de referencia en Galicia. O obxectivo é a elaboración dunha colección de réplicas de cerámica completamente documentada, e caracterizar ó conxunto tipolóxico dos utensilios cerámicos dos castros galegos. Para realizar as réplicas, púxose en marcha un proxecto de investigación arqueolóxica que se baseou nunha primeira selección a nivel bibliográfico dos elementos máis salientables da cerámica galega. Estas pezas están reconstruídas a partires de fragmentos atopados que, logo de ser estudados e identificados, foron restaurados por técnicos e expertos, coa finalidade de recuperar o maior número posible de pezas para que queden documentadas, e para mostrarlle á xente como eran os utensilios desta época.
Estes elementos cerámicos pertencen a museos e Centros Arqueolóxicos de Galicia e proceden de xacementos castrexos cunha ocupación englobada nos entre os séculos VIII a.C. a o I d.C. Entre os castros nos que se baseou o estudo atópanse 4 situados na provincia de Lugo. Son concretamente os de Barán, Viladonga, Zoñán e Illade de Suances. Todos eles aportaron información para facer as replicas das pezas e complementan a exposición.
A Deputación e o seu compromiso coa cultura galega
O organismo provincial continúa coa súa liña de apoio as iniciativas que poñen en valor a riqueza histórica e cultural da Comunidade. É por iso, que incentiva esta exposición, na que se dá conta do grande patrimonio que posúe Galicia. A Deputación manten que estes eventos son moi importantes para fomentar unha cultura propia entre os galegos así como para dotar de sentido o pasado común. O organismo provincial salienta, ademáis o carácter didáctico desta mostra: xunto as pezas históricas hai numerosos paneis explicativos, que amosan como foi a reconstrución da peza e cal é o seu funcionamento.
Datas e horarios da exposición
A exposición A Cerámica castrexa en Galicia poderase visitar na capela de Santa María ata o vindeiro 29 de setembro, co seguinte horario: luns a venres, de 10.30 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados e domingos, de 11:00 a 14:00, e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.