Deputación de Lugo

Aberta a exposición de Cerámica Castrexa na Capela de Santa María

A Deputación impulsa a cultura e a identidade galega fomentando esta exposición que nos amosa os tipos máis representativos das cerámicas castrexas da terra A exposición , composta por 61 réplicas de 24 xacementos castrexos diferentes , esta baseada nunha profunda investigación levada a cabo pola asociación Terra Termarum CastrolandínDe xeito gratuíto e ata o 29 de setembro, a mostra poderase visitar de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, xunto co coordinador da investigación, Mario Touceda Torres, inauguraron este xoves a exposición da Fundación Terra Termarum de Castrolandín, que acolle a capela de Santa María, e na que se presenta unha mostra de réplicas de cerámicas que foron atopadas en diferentes lugares da xeografía galega e posteriormente restauradas. Dos 24 xacementos arqueolóxicos, 4 son da provincia de Lugo; no caso de Viladonga nunca antes exposto. Tamén haberá charlas e obradoiros para complementar as pezas que xunto co que tivo lugar servirán como punto de comezo e remate da exposición, pois o día 27, día de peche, haberá outra charla as 20:00 horas onde se ofrecerá unha ampla perspectiva sobre os traballos nos xacementos galegos. Regina Polín salientou que “ as réplicas que fixeron os investigadores ofrecen unha perspectiva única para entender como era a cerámica galega castrexa ó tempo que nos ofrecen as posibles finalidades destes utensilios, o que facilita enormemente a súa comprensión por parte do público”.

Investigación

Este proxecto busca recuperar unha mostra representativa da cerámica dos xacementos arqueolóxicos dos castrexos de referencia en Galicia. O obxectivo é a elaboración dunha colección de réplicas de cerámica completamente documentada, e caracterizar ó conxunto tipolóxico dos utensilios cerámicos dos castros galegos. Para realizar as réplicas, púxose en marcha un proxecto de investigación arqueolóxica que se baseou nunha primeira selección a nivel bibliográfico dos elementos máis salientables da cerámica galega. Estas pezas están reconstruídas a partires de fragmentos atopados que, logo de ser estudados e identificados, foron restaurados por técnicos e expertos, coa finalidade de recuperar o maior número posible de pezas para que queden documentadas, e para mostrarlle á xente como eran os utensilios desta época.

Estes elementos cerámicos pertencen a museos e Centros Arqueolóxicos de Galicia e proceden de xacementos castrexos cunha ocupación englobada nos entre os séculos VIII a.C. a o I d.C. Entre os castros nos que se baseou o estudo atópanse 4 situados na provincia de Lugo. Son concretamente os de Barán, Viladonga, Zoñán e Illade de Suances. Todos eles aportaron información para facer as replicas das pezas e complementan a exposición.

A Deputación e o seu compromiso coa cultura galega

O organismo provincial continúa coa súa liña de apoio as iniciativas que poñen en valor a riqueza histórica e cultural da Comunidade. É por iso, que incentiva esta exposición, na que se dá conta do grande patrimonio que posúe Galicia. A Deputación manten que estes eventos son moi importantes para fomentar unha cultura propia entre os galegos así como para dotar de sentido o pasado común. O organismo provincial salienta, ademáis o carácter didáctico desta mostra: xunto as pezas históricas hai numerosos paneis explicativos, que amosan como foi a reconstrución da peza e cal é o seu funcionamento.

Datas e horarios da exposición

A exposición “A Cerámica castrexa en Galicia” poderase visitar na capela de Santa María ata o vindeiro 29 de setembro, co seguinte horario: luns a venres, de 10.30 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados e domingos, de 11:00 a 14:00, e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.